Concurso de poesía 2024

Convocatoria do Concurso de Poesía o Facho 2024

A Agrupación Cultural O FACHO convoca o Concurso de Poesía O Facho 2024, que se rexerá polas seguintes bases:

1º) Ao premio de poesía de O Facho poderá concorrer calquera persoa até os 35 anos de idade e sempre que non publicase ningún libro individual de poesía e a obra sexa inédita e non fose premiada con anterioridade en calquera outro concurso ou certame.

A obra presentada debe estar escrita en lingua galega en calquera das tres normas ortográficas (AGAL, PADROM, RAG) e cun máximo de unha obra por autor. É responsabilidade do xurado do premio determinar se algún dos traballos presentados posúe ou non as características para ser considerado “libro”. Xa que logo, recoméndase que teñan unha extensión mínima de 300 versos.

2º) Os orixinais para o Concurso enviaranse por triplicado debidamente encadernados, en formato DIN A4, a dobre espazo e mecanografados por unha soa cara ao:

Caixa de Correos n.º 46, Oficina Principal da Coruña.

Presentaranse baixo un lema, que figurará na portada dos textos enviados, e virán acompañados dun sobre pechado que conteña no exterior o lema da obra e, no interior, o nome, apelidos e teléfono do autor
ou autora.

3º) Estabelécese como premio único a edición pola Editorial MEDULIA da obra premiada. O Facho fará a entrega ao/à autor/a dun máximo de 15 exemplares.

4º) O prazo de admisión de orixinais remata o día 16 de abril do 2024 ás doce da noite. O fallo do premio farase público no mes de maio.

5º) Os gañadores serán elixidos por un xurado nomeado pola Asociación Cultural O FACHO. Devandito xurado estará composto por persoas de recoñecido prestixio no ámbito da escrita literaria, da edición ou da
crítica.

6º) O xurado poderá declarar deserto o premio do concurso e resolverá aquelas situacións que se presenten e que non estean contempladas nestas bases, así como as dúbidas que poidan existir na súa interpretación. Así mesmo, o xurado escollerá de entre os traballos presentados un único libro. Ademais, poderá deixar constancia na acta outros títulos que considere merecedores de ser publicados, non significando isto ningún compromiso por parte de O Facho. Non se fará referencia na acta ao nome dos autores ou autoras dos libros mencionados.

7º) O Facho disporía do prazo de un ano para editar o libro. Transcorrido ese tempo, o autor ou autora poderá dispor da obra coa única condición de que deberá deixar constancia do galardón en sucesivas edicións do libro.

8º) A participación neste Certame implica asumir as súas bases.

9º) Os orixinais non premiados poderán ser retirados, no prazo de 30 días, previo correo dirixido ao enderezo postal da Agrupación. No caso de que o autor ou autora non resida na Coruña poderá solicitar que lle sexan enviados por correo postal.

10º) Esta convocatoria entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación nos medios de comunicación.

Descarga PDF Bases do concurso de Poesía O Facho 2024

Agrupación Cultural O Facho
A Coruña, 31 de xaneiro de 2024