Este 17 de maio celébrase un Día das Letras Galegas moi especial: dedicado á lírica popular e ás cantareiras, esas mulleres que transmitiron de xeración en xeración un dos tesouros máis valiosos da nosa cultura. A idea, tan necesaria como fermosa, foi desenvolvida por Antón Santamarina, membro da Real Academia Galega, no artigo titulado Cantar para gañar galegofalantes, publicado na sección Tribuna do sitio web da RAG.
A homenaxe personifícase en sete cantareiras —como Adolfina e Rosa Casás ou Eva Castiñeira—, mais o propósito non é outro que representar a todas aquelas mulleres que, con voz e memoria, fixeron posible que hoxe poidamos cantar o noso pasado. Esta escolla non é excluínte, senón simbólica: a súa misión é representar a todas.
As cantigas, como lembra Santamarina, non son cousa do pasado: seguen vivas. Xa non se escoitan tanto nas fiadas ou nos seráns, pero si nos conservatorios, nas tradescolas ou nos milleiros de grupos que levan a música tradicional polos escenarios do país. E algo aínda máis extraordinario: as voces dalgunhas destas mulleres consérvanse en arquivos sonoros e poden volver escoitarse grazas á dixitalización.
Esta celebración pretende tamén achegar a lingua ás novas xeracións, espertar nela afecto, orgullo e identidade. As cantigas agochan un galego saboroso, enxebre, e tamén unha beleza poética que pode emocionar e atraer mesmo a quen non recibiu o idioma na casa.
Esta entrada acompáñase cunha imaxe do grupo A.C. Raigañas de Cerqueda, durante a súa actuación en Malpica de Bergantiños na Festa Galega 2019. No vídeo que a acompaña, escoitamos a interpretación de As tocadoras da Escola do Alprende de Oza. A todas elas, o noso agradecemento por formar parte tamén desta celebración da lírica popular galega.