A seguir detállase polo miúdo a resolución dos concursos anuais de poesía e teatro da Agrupación Cultural O Facho:
Concurso de Teatro Infantil O Facho 2025
Obra gañadora: Iceberg
Autor: Carlos Labraña
O xurado, composto por Manuel Lourenzo Pérez, Carmen Martínez Mosquera e Diana Varela Puñal, valorou a limpeza e pureza da historia no seu desenvolvemento teatral de temática medioambiental, entre outras calidades. Alén diso, é desexo do xurado salientar a alta participación, o nivel dos traballos presentados, a mellora no coidado da lingua e a variedade e innovación textuais que achegan frescura á creación teatral.
Carlos Labraña, nado en Cedeira (A Coruña) en 1969. É un dos dramaturgos con maior número de obras editadas da literatura dramática en galego, as cales adoitan representarse nas escolas. Especializado en teatro infantil, gañou numerosos premios neste eido como o Manuel María, O Facho ou o Estornela. Nos seus comezos, as súas obras estaban cheas de aventuras e fantasía, das cales podemos salientar O segredo de Daniel (1988), A escada (1994) ou Os sons da buguina (2008). Andando o tempo, a súa escrita evolucionou cara a temas máis sociais como Moito Morro Corporation Sociedade Ilimitada (Premio de Teatro do Libro Galego, 2017), unha crítica aceda sobre a crise económica; O valo (Xerais, 2017) sobre o drama dos refuxiados; ou Mambrú volveu da guerra, sobre a memoria histórica democrática (Premio SGAE de teatro infantil 2022).
Concurso de Poesía O Facho 2025
Obra gañadora: A autorización do centro da Palabra
Autora: Sofía Muñiz Somoza
O xurado, composto por Xulio López Valcárcel, Henrique Sánchez Rodríguez e Fernando Díaz-Castroverde, valorou os poemas sustentados en citas ben acaídas, abertos á intertextualidade, de temática variada, rebeldía, autoafirmación ou de corte filosófico nunha ida e volta arredor da palabra. Sofía Muñiz (Cambados, 1995) Exerce na actualidade como profesora de ensino secundario. Afeccionada ás artes plásticas e á fotografía. Quedou finalista do Concurso Xuventude Crea, impulsado pola Xunta de Galicia, en dúas ocasións, na modalidade de artes plásticas (2020 e 2022). Ademais foi unha das gañadoras do Concurso de Pintura que tivo lugar con motivo do I Encontro Literario e Artístico “Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes” (2024). Participou en varias exposicións colectivas en espazos emblemáticos como o Museo de Pontevedra e a Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela. Tamén vén de publicar unha serie de poemas no número 46 da mítica revista de expresión poética galega Dorna.
Agrupación Cultural O Facho
A Coruña, 16 de maio de 2025
DESCARGAR BASES COMO ARQUIVO PDF
Agrupación Cultural O Facho
A Coruña, 16 de maio de 2025