O pasado día 12 celebrouse en Portas Ártabras unha palestra organizada por O Facho, na que interveu Enrique Sáez Ponte co tema “Juana de Vega: á procura dunha sociedade mellor”.
Enrique Sáez, licenciado en Dereito e Economía pola Universidade de Santiago de Compostela e MBA polo IESE de Barcelona, ten unha destacada traxectoria profesional no sector financeiro. Desde 2003, preside a Fundación Juana de Vega desde onde impulsou iniciativas que combinan o desenvolvemento sostible coa protección cultural e ambiental de Galicia, sendo un firme defensor de proxectos que vinculan tradición e modernidade.
Enrique Sáez ofreceu unha exposición clara e evocadora sobre a vida e o legado desta figura extraordinaria do século XIX. A súa charla puxo de relevo a intelixencia, solidariedade e compromiso social de Juana de Vega, unha muller que destacou como líder feminina, benefactora social e defensora do liberalismo.
Esposa de Francisco Espoz e Mina, Juana de Vega asumiu un papel activo na política do seu tempo, mantendo correspondencia con destacados líderes progresistas e sufrindo unha década de exilio, case sempre en Inglaterra, aínda que con longas estancias en Francia para promover intentos de restauración da Constitución de Cádiz de 1812. A pesar da súa mocidade, Juana de Vega, grazas á súa discreción e facilidade para os idiomas, foi un importante apoio do seu marido.
Entre as súas achegas culturais destaca a organización dos Xogos Florais de 1861 en colaboración con Benito Vicetto, son os primeiros Xogos Florais celebrados en Galicia, que constitúen un punto de partida do Rexurdimento, o movemento de recuperación do idioma galego.
Ademais da súa dimensión cultural, Juana de Vega liderou importantes iniciativas sociais. Durante a epidemia de cólera de 1854, asumiu a dirección do hospital provisional e do novo Hospicio da Coruña, mobilizando ás mulleres da cidade a través da Asociación de Señoras. A súa valentía e dedicación nestas tarefas, arriscando a súa propia vida, evidencian o seu compromiso cos máis vulnerables.
A súa amizade e apoio a Concepción Arenal, pioneira do pensamento social en España, é outro testemuño do seu compromiso cunha sociedade máis xusta e solidaria, que hoxe inspira os proxectos e iniciativas impulsados pola Fundación que leva o seu nome.