O Facho sinte un profundo pesar ante o pasamento de Salvador Garcia-Bodaño, unha persoa que colaborou con esta Agrupación Cultural desde os seus primeiros tempos dun xeito desinteresado e xeneroso.
Salvador García- Bodaño ((1935- 2023) foi membro dunha xeneración –a das Festas Minervais– que se manifesta a finales dos 50. Foi poeta, narrador, comunicador, articulista, activista cultural en tempos ben difíciles, académico da RAG e un gran defensor da cultura galega.
Foi membro fundador da Asociación Cultural O Galo (1961), pioneira de todas cantas en Galicia dedicaríanse despois a espallar a lingua e a cultura galega. En 1975, nos actos conmemorativos do 25 cabodeano de Castelao, O Facho celebrou, no Circulo de Artesáns da Coruña, unha mesa redonda na que participou xunto con Ramón Piñeiro, Mariño Donega e Ramón López-Suevos.
Despedimos a Salvador con estos versos do seu poema Galicia, do libro Ao pé de cada hora e sentímolos como nosos
Galicia é isto que vai en nós
e que nos leva
camiño aberto nos sulcos
onde todo é por vir e non chega…