Fernández del Riego na entrega do Facho de Ouro 2018

Víctor Fernández Freixanes:”Fernández del Riego era músculo e pulmón. Un exemplo de conduta e entrega que todos respectabamos”

Neste 2023 non que estamos a celebrar o noso 60 aniversario, queremos lembrar a Francisco Fernández del Riego, a quen está dedicado o Día das Letras Galegas deste ano, e a quen O Facho concedeulle o Facho de ouro no ano 2008. Para achegarnos á súa figura, tivemos o pracer de entrevistar a D. Víctor Fernández Freixanes, que foi seguramente unha das persoas que mellor coñece a Francisco F del Riego.

Víctor Fernández Freixanes é presidente da Real Academia Galega, escritor, xornalista, editor, e profesor ad honorem do departamento de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Desenvolveu un intenso labor xornalístico en prensa, radio e televisión, foi director da editorial Galaxia e codirector, xunto co profesor Henrique Monteagudo, a revista Grial (Revista Galega de Cultura). Como escritor a súa obra transcorre desde narracións curtas a novela estando en posesión de numerosos recoñecementos como: o Premio Blanco Amor de novela, o Premio da Crítica de narrativa galega, o Premio da Asociación de Criticos de España ou o Premio Gonzalo Torrente Ballester, entre outros. É unha das personalidades máis destacadas dentro do panorama cultural galego. Ver entrada como académico na RAG

A Fernández del Riego coñecémolo como un dos principais intelectuais galeguistas do século xx e foi, sen dúbida, unha das figuras claves da Xeración Galaxia. Vostede, que é probablemente unha das persoas que mellor o coñeceu, destacou tamén nalgunha ocasión que el era unha ponte entre os vellos e os novos e un embaixador cos exiliados. Cando se coñeceron e como conseguía esa sintonía entre colectivos tan diversos?

Tiña un talante moi especial. Era moi aberto. Un exemplo de conduta e entrega que todos respectabamos, os máis novos e os menos novos, tamén os seus contemporáneos, que sabían do seu traballo, do seu esforzo, das súas capacidades e da súa enorme xenerosidade. Coñecino na Fundación Penzol, xa non na editorial Galaxia, que daquela xerenciaba Valentín Arias. Pero intimamos despois, sobre todo cando me fixen cargo da editorial tralo falecemento de Carlos Casares. Nalgún lugar definino con dous substantivos: músculo e pulmón. Efectivamente foi unha ponte: entre os verllos (a xeración Nós) e os novos (o grupo Galaxia), entre a Galicia exterior (Delgado Gurriarán, Carlos Velo, Silvio Santiago, Neira Vilas, Luis Seoane, Roldolfo Prada) e a Galicia do exilio interior, entre a súa xeración e a xeración dos que viñeron despois: Méndez Ferrín, María Xosé Queizán, Xohana Torres, Franco Grande…

Antes de 1936, Francisco Fernández del Riego xa destacaba pola defensa de Galicia, da súa cultura e da súa lingua. Ao chegar a Santiago contacta co movemento galeguista, coa revista Nós, e relaciónase con xente tan recoñecida como Ramón Cabanillas, Vicente Risco, Castelao ou Otero Pedrayo. Cales pensa que eran as súas aspiracións para Galicia nese momento?

Foi unha xeración extraordinaria. Del Riego formouse no Seminario de Estudos Galegos e nas Mocidades e no Partido Galeguista. Tiña un brillante futuro como profesor de Dereito Civil na Universidade de Santiago e, seguramente, como político. Pero todo o frustrou a guerra. A súa xeración loitaba por unha Galicia dona do seu, con capacidade e recursos para construír o futuro. A partir de 1939 houbo que empezar de novo, en circunstancias moi difíciles. Del Riego foi unha figura moi importante nese proceso.

Desde a fundación da Editorial Galaxia á creación da Fundación Penzol atopamos sempre a Fernández del Riego nun espazo de resistencia nos tempos difíciles da ditadura. Cal pensa que foi a súa maior achega en ambos os casos?

Xa o dixen antes: músculo e pulmón. O proxecto Galaxia, igual que a Fundación Penzol e outras iniciativas vencelladas á mesma estratexia, foi un proxecto político que dende o primeiro momento xogou ao posibilismo. Dada a imposibilidade para actuar na política dunha maneira directa, acordaron traballar as bases do futuro, que consistían en manter viva a dignidade da lingua e a identidade cultural, pensando sobre todo nas novas xeracións. A fotografía da fundación da editorial o 25 de xullo de 1950, no hotel Compostela de Santiago, é moi reveladora: dá conta das características das persoas que a constituían. O primeiro consello de administración estaba formado por Otero Pedrayo (presidente), Manuel Gómez Román (vicepresidente, que fora secretario xeral do Partido Galeguista na clandestinidade), Xesús Ferro Couselo, Antonio Fernández López e Sebastián Martínez-Risco (vogais), Xaime Isla Couto (conselleiro delegado) e Fernández del Riego como secretario. O Partido e as Mocidades Galeguistas con algún representante da emigración. Ramón Piñeiro acababa de saír de cadea e estaba convalecente dunha operación da vista. Dende moi pronto, Del Riego deixa a secretaría e asume a liña executiva da empresa, relación cos autores, contactos coa Galicia exterior, xestión dos distribuidores e libreiros, negociación coas imprentas, organización do traballo en todos os aspectos, dende empaquetar libros para levar a correos a manter ao día a documentación e a correspondencia. Todo cunha misión moi definida: a defensa da lingua e a continuidade dun proxecto que fixese posible o país cando chegasen tempos mellores. Sen Del Riego na ponte de mando, na sala de máquinas, na organización dos traballos de cuberta e na medición do rumbo cada día, a navegación non sería posible. Repito: músculo e pulmón, cunha inmensa fe no futuro.

Fernández del Riego converteuse nun gran dinamizador da cultura do país a través de moitas vertentes; como político, como intelectual, como xornalista… Cal destas facetas pensa que deixou máis pegada na sociedade galega?

Sumémoslle ao que acabo de dicir na resposta anterior, o seu labor como editor, divulgador, antólogo, publicista, colaborador nos medios de comunicación… Era moi consciente de que o que non se comunica non existe. Xunto con Isla Couto desenvolveu o proxecto do Suplemento dos Sábados de La Noche, que é a primeira iniciativa mediática do galeguismo despois da guerra, aínda que moi pouco durou. En 1947 xestiona as colaboracións en galego para a BBC. A el debémoslle en gran medida a recuperación de Cunqueiro para a literatura galega despois da guerra. El está detrás de obras tan ambiciosas e de tanto esforzo como a Historia da Literatura Galega Contemporánea do seu amigo Ricardo Carballo Calero. A el debemos a publicación de Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro na colección Salnés, entre outros títulos… El asume a dirección da Fundación Penzol cunha eficiencia extraordinaria ata pouco antes do seu pasamento. A el debemos a marabillosa invención do Día das Letras Galegas no ano 1963, acaso a iniciativa máis brillante da cultura galega na segunda metade do pasado século, que cada día ten máis forza social. Aínda poderiamos seguir. Non é doado salientar unha única pegada do labor de Del Riego na cultura galega do seu tempo. Por facer, acabou dirixindo durante máis de dez anos a empresa de impresión Artes Gráficas Galicia, cando os compañeiros de Galaxia llo pediron.

Fernández del Riego ingresa na Real Academia Galega en 1960, e presídea dende 1997 ata 2001 cun obxectivo claro de modernizala por completo. Cal cre que foi a súa maior contribución á Institución que vostede preside agora?

Xa falei do Día das Letras Galegas en 1963, pero nos derradeiros anos, entre 1997 e 2001, efectivamente, Fernández Del Riego asume xunto con Barreiro Fernández, que era o tesoureiro da RAG e logo foi presidente, un importantísimo proceso de modernización da institución, que inclúe dende a renovación dos Estatutos, que estaban sen tocar dende a súa fundación, ao inicio dos procesos de dixitalización dos fondos ou o intenso labor de difusión para dar a coñecer os traballos e o patrimonio da institución, xunto coa incorporación ou recuperación de académicos novos como Xosé Luís Mández Ferrín, Antón Santamarina, Ramón Lorenzo, Xosé Luís Franco Grande, Xaime Isla Couto, Xohana Torres, Francisco Fernández Rei, Andrés Fernández-Albalat, Xosé Neira Vilas… Este último evoca nun dos seus libros de memorias a derradeira visita que, xunto con Anisia Miranda, lle fixo na súa residencia viguesa da praza de Compostela en marzo de 2009. Tiña don Paco 96 anos. “Falamos de moita cousas”, escribe Neira Vilas, “(…) da democracia, do sistema das autonomías, e referímonos a algúns escritores novos, o uso de Internet e do teléfono móbil, a edición de libros, os concursos literarios, a normativa lingüística, a Real Academia Galega, que el presidira ata non había moito, promovendo unha necesaria renovación… Satisfacíalle que lle dixésemos isto, e apoñía: “Fixen o que puiden”.

A evolución do Día das Letras Galegas para D. Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *