Desde a Agrupación Cultural O Facho comunicámosvos a celebración do seguinte acto, dentro das palestras públicas do segundo trimestre de 2024.
O vindeiro dia 30 de abril a ensaísta e profesora Aurora Marco, impartirá unha palestra co título:
Mulleres no Seminario de Estudos Galegos
Data: 30 de abril, martes
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Portas Ártabras – Rúa Sinagoga 22 baixo. Cidade Vella – A Coruña
Aurora Marcos, doutora en Filosofía e Letras desde 1978, é catedrática de Didáctica dá Língua e Literatura Galega na USC e unha profesional recoñecida. A súa vasta obra inclúe biografías de figuras importantes como Carvalho Calero e Avilés de Taramancos, así como edicións críticas de obras de diversos autores. Destacouse nos últimos 30 anos polas súas investigacións sobre a traxectoria de mulleres galegas, con obras como “As precursoras” e “Mulleres e educación en Galiza”. Recibiu diversos premios pola súa obra ensaística, como o “Tomás Barros” de Investigación Teatral e o “Anxo Fole” de Ensaio Literario. En 2023 foi nomeada Señora das Letras 2023 polo colectivo de crítica literaria “A Sega”.
Para entender o papel das mulleres no Seminario de Estudos Galegos, é crucial lembrar que ata 1910 non tiñan acceso oficial á universidade. Aínda que o SEG, fundado en 1923, estaba vinculado á Universidade de Santiago, a presenza de mulleres foi limitada ao principio. As súas vidas e contribucións foron na súa maioría ignoradas e silenciadas na historia académica, pero esta conferencia busca rescatar as súas historias, algunhas completas e outras fragmentarias.
Agardamos contar contigo para enriquecer este encontro coa túa presenza.
A palestra celebrarase ás 8 h do serán no local da Asociación de Amigos dos Museos de Galicia – Espazo Cultural Portas Ártabras- sito na Rúa Sinagoga nº 22-baixo 15001 A Coruña. Ver mapa