Palestra: “Luces da heterodoxia: mulleres espiritistas e teósofas en Galicia (1875-1936)” Carlos Pereira Martínez

Desde a Agrupación Cultural O Facho  comunicámosvos a celebración  do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do segundo trimestre de 2025.

O vindeiro día 22 de abril, o historiador  Carlos Pereira Martínez impartirá unha palestra co título:

Luces da heterodoxia: mulleres espiritistas e teósofas en Galicia (1875-1936)

Data: 22 de abril, martes

Hora: ás 8 do serán

Lugar:  Espazo Cultural Portas Ártabras- sito na Rúa Sinagoga nº 22-baixo 15001 A Coruña. Ver mapa

Na palestra faráse un percorrido polo movemento espiritista e teosófico en Galicia, vendo a súa implantación e accións, especialmente centrado na figura das mulleres que, en casos como Isabel Peña Quintana ou Regina Goyanes Capdevila, desempeñaron un importante labor publicístico.

Carlos Pereira Martínez é Licenciado en Xeografía e Historia, especialidade Historia, pola U.N.E.D. Foi Historiador do Concello de Culleredo. É tamén poeta e artista plástico. Membro, entre outras institucións, da Sociedad Española de Estudios Medievales, da Asociación de Escritores en Lingua Galega, da Asociación Cultural Estudios Históricos de Galicia ou da Asociación de Artistas Plásticos de Galicia. Dedicado fundamentalmente á investigación histórica, ten publicado numerosos artigos en revistas especializadas e diversas obras como: Culleredo (con Xurxo Lobato) (2019), Río Alzheimer (1º premio no XXXVII Certame literario Concello de Vilalba (2013) e A Galicia heterodoxa (2010). Coa historiadora Ana Romero Masiá, ten publicado: Germinal. Centro de Estudos Sociais. Cultura obreira na Coruña, 1902-1936 (2003), O orballo da igualdade. Asociacionismo femenino progresista na Coruña (2005), Xaime Quintanilla Martínez. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República (2011), Xaime Quintanilla Martínez, xornalista en Ferrol (2012), Crónica das orixes da Agrupación Socialista Coruñesa, 1891-1904  (colectivo Contra a amnesia) (2017) e Federico Tapia Segade. Primeiro alcalde republicano da Coruña. 1825-1891 (2024).

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *