Desde a Agrupación Cultural O Facho comunicámosvos a celebración do seguinte acto:
O vindeiro venres 14 de febreiro, ás 19:30, a Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, da que O Facho forma parte, inaugurará unha exposición retrospectiva sobre Pepe Carreiro dentro da súa programación de actividades para o ano 2025.
Baixo o título Humor para mudar o mundo. Que graza!, a mostra reúne 50 pezas do autor e poderá visitarse ata o mércores 5 de marzo nos espazos da A.C. Alexandre Bóveda (rúa Santo André, 36, 1º). O Facho convida a toda a cidadanía a visitar esta homenaxe ao debuxante.
Pepe Carreiro (Vigo, 1954) é un dos debuxantes galegos máis destacados das últimas décadas. Ilustrador, humorista gráfico e creador de personaxes inesquecibles, colaborou en numerosos xornais como Faro de Vigo, La Voz de Galicia ou Xornal de Galicia, e en revistas como A Nosa Terra, Can sen Dono e Xo!. A súa sátira política, especialmente crítica co goberno de Manuel Fraga, foi un fito no humor gráfico galego. Mestre da síntese expresiva, continúa a súa actividade en publicacións como Tempos Novos e Nós Diario, deixando unha pegada única na cultura visual de Galicia.