Desde a Agrupación Cultural O Facho comunicámosvos a celebración deste acto, dentro das Palestras públicas do primeiro trimestre de 2025.
A escritora e académica Marilar Aleixandre impartirá unha palestra co título: “Concha Arenal: a muller afouta“
Data: 25 de febreiro, martes
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Espazo Cultural Portas Ártabras- sito na Rúa Sinagoga nº 22-baixo 15001 A Coruña. Ver mapa
Concha –ela asinaba deste modo– Arenal foi unha das catro pensadoras galegas do XIX, cronoloxicamente Juana de Vega, Arenal, Rosalía de Castro, Emilia Pardo Bazán, moi afoutas.
Levou a contraria a todos, incluídos gobernos, non temeu expresar as súas opinións. Debémoslle, como penalista, a idea do papel das prisións como “rexeneración”, de tratar a presas e presos como persoas. Intenta poñelo en práctica na Galera da Coruña (noveleino en As malas mulleres). Feminista, defende os dereitos das mulleres, sobre todo a estudar, a acceder ao coñecemento. Ideas en contradición coa súa posición relixiosa, considerando as mulleres “moralmente mellores” que os homes e descartando profesións que dificulten o seu papel de gardiá do fogar.
Marilar Aleixandre é escritora de poemas, contos e novelas, tradutora e bióloga. Académica de número da Real Academia Galega. Socia de honra da Asociación de Escritores en Lingua Galega, en 2020 gañou o premio Blanco Amor por “As malas mulleres” e en 2022 o Premio Nacional de Narrativa.