Unha muller que viviu entre Galicia, Polonia e os grandes acontecementos do século XX; actriz, escritora, correspondente de guerra e pioneira no xornalismo internacional. A súa historia volve brillar grazas ao traballo de Charo Martínez.
O pasado 21 de outubro, o espazo cultural Portas Ártabras, na Coruña, encheuse de curiosidade e sorpresa grazas á palestra que Charo Martínez dedicou á fascinante figura de Sofía Casanova. Charo comezou cunha pregunta que quedou a resoar entre o público:
Por que sabemos tan pouco da vida de Sofía Casanova, sendo coruñesa e tan excepcional?
E a partir de aí foi debullando, paso a paso, unha biografía que semella sacada dunha novela.
Sofía naceu na rúa Santo André e foi bautizada na igrexa de Santo Xurxo. Marcha coa súa familia a Madrid onde de moza, dedicouse á interpretación profesional, e moveuse polos círculos literarios da capital.
A súa vida deu un xiro cando casou co diplomático e pensador polaco Wincenty Lutosławski. Desde entón, viviu en lugares como Moscova, Londres ou Polonia, sen deixar de pasar tempadas na súa casa de Mera (Oleiros).
Foi unha muller adiantada ao seu tempo: escribiu poesía, novela e teatro, fixo traducións do ruso e do polonés, e mesmo chegou a ser candidata ao Premio Nobel de Literatura en 1926. Pero se por algo é lembrada, é polas súas crónicas xornalísticas.
Sofía Casanova foi correspondente de guerra do diario ABC, testemuña directa de acontecementos como: a Primeira e a Segunda Guerra Mundial, ou a Revolución Rusa. Dende o lugar dos feitos, escribiu pezas memorables como a entrevista a Lev Trotski ou a crónica da morte de Rasputin.
En Galicia tamén deixou pegada. Participou na vida cultural galeguista, foi membro correspondente da Real Academia Galega e en 1952 nomeárona membro de honra.
Ao rematar a charla, Charo Martínez volveu á pregunta inicial:
“Como é posible que Sofía Casanova siga sendo tan descoñecida?”
A resposta, como explicou, non é sinxela. A obra e a vida de Casanova víronse envoltas nas últimas décadas por polémicas arredor das súas conviccións conservadoras, o que levou a un esquecemento inxusto.
O traballo de Charo Martínez non é só unha investigación, senón un acto de xustiza histórica: recuperar para Galicia e para o mundo a memoria dunha muller que soubo escribir —e vivir— en primeira liña da historia.



