O pasado 8 de outubro, no marco das palestras organizadas por O Facho, tivemos o pracer de contar coa arqueóloga Purificación Soto Arias, quen nos falou sobre o proxecto arqueolóxico no Castro de Montes Claros (Vilarino – A Laracha), baixo o título “O Castro de Montes Claros: Un poboado ártabro ben comunicado”.
Durante a súa intervención, Purificación Soto Arias compartiu os detalles das accións realizadas no castro, como a deforestación inicial, que permitiu a rehabilitación social do lugar e a súa posterior posta en valor, coa implicación activa da comunidade local.
O castro de Montes Claros, situado no concello de A Laracha, é un poboado ártabro da Idade do Ferro, cunha ubicación estratéxica e ben comunicada. A proximidade ao río Anllóns, as boas condicións agropecuarias e a cercanía a zonas mineiras fundamentais para esa época, fan deste lugar un punto clave para comprender a historia dos poboados fortificados da rexión.
Purificación Soto Arias é unha destacada arqueóloga galega, licenciada en Xeografía e Historia pola USC en 1987, cunha especialización en Prehistoria e Arqueoloxía. A súa tesiña, dirixida pola Dra. Josefa Rey Castiñeiras, marcou un fito ao aplicar análises físico-químicas á cerámica castrexa da Idade do Ferro no Noroeste peninsular. Dende 2017, lidera o proxecto de intervención arqueolóxica no Castro de Montes Claros (A Laracha), impulsado polo concello. O seu traballo combina investigación, conservación e divulgación, enfocándose na evolución dos poboados fortificados dos Ártabros e o seu proceso de romanización.
A conferencia resultou especialmente amena e ilustrativa, xa que foi acompañada de imaxes que axudaron a contextualizar e destacar a relevancia histórica e arqueolóxica deste proxecto. A charla subliñou non só a importancia da investigación arqueolóxica, senón tamén o valor de conservar e divulgar o patrimonio para a sociedade.