O Facho expresa o seu pesar polo falecemento de Xosé Luís Méndez Ferrín

O falecemento de Xosé Luís Méndez Ferrín entristece profundamente a cultura galega, na que a súa figura ocupou un lugar destacado durante décadas.

A Agrupación Cultural O Facho, como parte integrante desa cultura, comparte este sentimento de pesar. A colaboración e xenerosidade coa que Méndez Ferrín participou nas actividades da Agrupación fan que esta tristeza sexa tamén especialmente próxima.

Escritor, intelectual e político nacionalista, pertenceu a unha xeración que, desde distintas frontes e en circunstancias especialmente difíciles, traballou pola defensa da lingua e da cultura galegas. Doutor en Filoloxía, profesor, escritor e académico, destacou pola súa contribución á literatura, ao xornalismo e aos estudos lingüísticos e literarios galegos. Foi presidente da Real Academia Galega e recibiu numerosos recoñecementos ao longo da súa traxectoria, chegando a ser proposto para o Premio Nobel de Literatura e nomeado doutor honoris causa pola Universidade de Vigo.

A súa relación con O Facho quedou reflectida nas conferencias que impartiu na Agrupación, entre elas O idioma galego nun sistema racional de insino e Horizontes novos da poesía galega, así como na súa colaboración en diversas actividades culturais. Durante a súa presidencia da Real Academia Galega, contribuíu tamén a que os fondos documentais de O Facho fosen acollidos pola Academia e prestou o seu apoio a numerosos actos celebrados na súa sede.

En 2019, O Facho concedéulle o Facho de Ouro, en recoñecemento á súa traxectoria e á colaboración mantida coa Agrupación.

A súa obra e o seu compromiso coa cultura galega deixan unha fonda pegada. Desde O Facho queremos expresar o noso recoñecemento, gratitude e afecto por todo o que compartiu connosco.