*Imaxe principal do artigo: Xulio Gil
O pasado 20 de novembro, na sede Portas Ártabras, O Facho rendeu unha homenaxe cálida, emotiva e necesaria a Manuel Lourenzo. Non era un acto máis: era unha declaración de gratitude colectiva a unha traxectoria fundacional no noso teatro contemporáneo.
Actor, dramaturgo, mestre e creador incansable, Manolo foi luz e motor de proxectos que definiron xeracións: o movemento teatral Escola Dramática Galega, a compañía pioneira Teatro Circo ou o espazo cultural e dramatúrxico Casahamlet, construído desde a independencia e a vontade de facer un teatro libre, popular e radicalmente galego.
Recibiu premios determinantes como o Premio Nacional de Literatura Dramática, e tamén o Facho de Ouro que lle outorgou o propio Facho, mais quen o coñece sabe que os galardóns nunca foron o centro do seu teatro. O centro foi —e segue sendo— a lingua, a xente e a dignidade do oficio.
Preguntado algunha vez por como manter un teatro independente en tempos adversos, Manuel respondía que o teatro debía ser, sobre todo, un espazo de encontro, reflexión e conversa. Tamén foi decisiva a súa etapa en Alemaña, onde ensanchou horizontes culturais: a lingua, a música de Johann Sebastian Bach, e o valor social das artes como forma de ler e pensar a sociedade. De regreso a Galicia, impulsou grupos teatrais, provocando debate, participación e unha idea esencial: a cultura é diálogo, construción compartida e insubmisión fronte ao silencio imposto.
Lourenzo cría que o teatro debía elevar o nivel da nosa cultura e nacer do pobo e para o pobo, porque —como el dicía— “o silencio e a submisión nunca achegaron nada”. Ese pensamento foi a columna do seu traballo e tamén desta homenaxe, na que a súa obra, a súa enerxía e a súa voz crítica foron celebradas como patrimonio vivo, fértil e transmisible.
E así, da palabra pasamos á memoria, á reflexión e á escena íntima dun diálogo que segue a marcar o noso presente:
As palabras de Manuel, moitas nacidas daquela conversa inesquecible que lle fixemos desde ofacho.com na Cafetería Lumar —o lugar onde Manolo tiña o seu propio recuncho, territorio de diálogo e pensamento compartido—, seguen hoxe marcando o camiño. A entrevista completa permanece viva no blog e deixamos a ligazón ao final deste post para quen desexe volver escoitar a súa voz propia.
A presentación do acto correu a cargo de Henrique Sánchez, secretario de O Facho, quen abriu a homenaxe poñendo voz ao sentido profundo do encontro. Na súa intervención, ﹘próxima e emocionada- , lembrou a dimensión humana e cultural de Manuel Lourenzo e acompañou as súas palabras cunha galería de fotografías históricas. Para as familias, as amizades e quen compartiu vida ou escena con Manolo, aquelas imaxes foron recordos espidos de tempo, cheos de emoción e memoria compartida, que provocaron momentos de especial intensidade afectiva.
A quenda de intervencións abriuna o poeta Julio Valcárcel, quen afirmou con precisión poética que Manuel segue vivo na súa obra, unha obra que é froito dunha vida coherente, honesta consigo mesma e co seu tempo. Para Valcárcel, o seu teatro non remata: continúa, fala e permanece.
A continuación interveu o investigador, museólogo e ensaísta Felipe Senén, rexedor de Portas Ártabras, recuperando o pensamento de Ramón OteroPedrayo, para lembrar que as persoas boas —as xenerosas, as que constrúen— deben perdurar na memoria colectiva. E nese espello, sinalou a Manolo como referente moral e cultural, un home de ideas e feitos, xeneroso no coñecemento e comprometido na acción.
O actor Santiago Fernández, amigo íntimo e compañeiro en incontables escenarios, pechou as intervencións lembrando ao Manuel creador e pedagogo, ao mestre que ensinaba todas as variedades do teatro, e ao Manolo que imaxinaba futuro: inquieto, dinámico e valente, sempre disposto a empurrar proxectos que situasen o teatro galego á altura que merece a nosa cultura.
O teatro toma a escena como dicía Manolo os actores somos os creadores do espazo e do tempo.
Chegou logo o momento puramente teatral: dous actores do proxecto Casahamlet Teatro representaron unha peza breve da autoría do propio Manolo, un símbolo de continuidade e transmisión, o pasado feito presente sobre o escenario, coa sinxeleza poderosa de quen sabe que a palabra dita na escena é a forma máis pura da permanencia.
E para clausurar o acto, o músico Miro Casabella, coa súa guitarra e a súa zanfona, ofreceu un percorrido sonoro entre cantigas medievais de Afonso X e cancións da súa propia autoría. O final, como non podía ser doutro xeito, foi “O meu país”, himno íntimo e compartido, canción que tanto lle emocionaba a Lourenzo e que o público coreou desde a emoción, o respecto e o afecto.
A sala —abarrotada de amizades, familia e profesión, respiraba un mesmo sentimento: admiración, gratitude e agarimo. Porque aquela noite non se celebrou só a obra dun home, senón tamén a comunidade que el axudou a crear: persoas feitas á súa beira, proxectos nacidos do seu xesto, voces herdeiras da súa teima.





