O 25 de outubro de 1919, na Coruña, Alfonso D. Rodríguez Castelao impartiu unha conferencia titulada “Arte e galeguismo” no Círculo de Artesáns, convidado pola Irmandades da Fala. Fíxoo en galego e comezou con estas palabras:
“Cumprindo un deber de outo patriotismo, ou mellor dito aínda, dun matriotismo que aceso levo sempre no peito, vou falar en galego.
Na fala doce sentida
Entre bicos deprendida,
Non colo de miña nai,
Que dixo ou poeta dá raza”.
Resulta interesante preguntarse que tipo de auditorio tivo Castelao naquela Coruña onde, o 18 de maio de 1918, constituírase a primeira Irmandade dos Amigos da Fala, un movemento que pronto se estendeu por toda Galicia.
Un valioso estudo de Xosé-Mª Monterroso Devesa, titulado “Contra a desmemoria: por umha Corunha novamente galega”, publicado na Memoria do Facho (1963-1991) ofrécenos unha xanela á intensa vida cultural da cidade naqueles tempos.
A finais do século XIX e comezos do XX, A Coruña era unha cidade aberta á cultura e profundamente enraizada nas súas tradicións galegas. No establecemento de Canuto Berea publicábase e vendía música nacionalista dos principais compositores galegos. A Praza de María Pita acollía festivais de coros do país, algúns dirixidos por Chané. En 1890, tivo lugar o certame musical máis relevante da época; para a ocasión, o mestre Veiga compuxo o himno galego, aínda que este non se estreou ata despois da súa morte en Cuba.
Naqueles anos, A Coruña tamén era punto de encontro para os membros da Cova Céltica, berce da chamada Escola Coruñesa de Amantes dá Nosa Lingua e Literatura. Esta escola foi precursora da Liga Galega na Coruña, presidida por Murguía, e cun comité formado por Manuel Lugrís, Carre Aldao e Salvador Golpe. A liga impulsou o semanario A Revista Galega, publicado en galego e castelán, e organizou eventos destacados, como a homenaxe a Curros Enríquez no Teatro Principal, ademais de promover a creación da Escola Rexional de Declamación e a Academia Galega.
Neste tempo e represéntase no Teatro Principal ¡Filla! de Galo Salinas, o primeiro intento serio de crear un teatro galego e é en 1909 cando se bautiza en Teatro Principal como Teatro Rosalía de Castro
A principios do século XX, a Reunión Recreativa e Instrutiva de Artesáns, coñecida popularmente como o Circo de Artesáns, converteuse no centro da vida cultural coruñesa, albergando recitais, exposicións e concertos. Foi nos seus salóns onde, o 30 de setembro de 1906, inaugurouse a Real Academia Galega.
Neste contexto vibrante, Castelao pronunciou a súa conferencia sobre Arte e Galeguismo, afirmando:
“O arte galego non é, non, faguer cousas de asunto galego. En Alemaña estrenouse, xa fai anos, unha ópera que se chamaba Rosa de Pontevedra; mais a ópera ¡non ten volta! era alemá. Sorolla pode ir ou Xapón a pintar unha escea do Yoshiwara; mais o que pinte Sorolla non será, ¡que vai sere!, pintura xaponesa. Pra que haxa pintura galega (que aínda non a hai) é preciso pintar en galego, dá mesma maneira que pra sermos donos dunha literatura galega, xenios dá nosa raza escribiron en galego. O Arte é un, e a literatura, como a música e a pintura galega, non poden sere máis que xeitos de eispresión dunha mesma beleza; a dá nosa terra. E sendo eu un dous que traballan polo conquerimento dun Arte Galego, teño que defender a fala dos nosos avós”.
Anos despois, o 18 de maio de 1980, O Facho culminou as Xornadas do Rexurdimento coa colocación dunha placa no número 38 da rúa Riego de Auga, conmemorando a fundación da primeira Irmandade dá Fala, impulsada por Antón e Ramón Vilar Ponte
Esta rica tradición cultural e reivindicativa, que afunde as súas raíces no traballo de figuras como Castelao e as Irmandades da Fala, segue presente hoxe, lembrándonos a importancia da lingua e a arte como expresións auténticas da identidade galega; como puido verse en Santiago de Compostela o pasado 23 defebreiro na manifestación convocada pola plataforma Queremos Galego e na que participou a Agrupación Cultural o Facho.

