O 25 de novembro, en Portas Ártabras, o biólogo Cosme D. Romay expuxo a grave expansión do eucalipto en Galicia, amosando con datos e mapas como esta especie xa ocupa amplas zonas do país, incluída a Rede Natura 2000. Analizou as chamadas moratorias-trampa ás novas plantacións e explicou por que a ampliación anunciada ata 2030 chega con limitacións importantes: falta de diálogo coa comunidade ecoloxista, obxectivos pouco realistas, incumprimentos da moratoria anterior, mecanismos que poden permitir novas plantacións e mínima eliminación de eucaliptos en espazos protexidos. Para rematar, destacou a relación directa entre a eucaliptización e a propagación dos incendios forestais, un risco engadido para un territorio xa especialmente vulnerable.
Cosme D. Romay Cousido (O Grove, 1981) é biólogo e doutorando en Ciencia e Tecnoloxía Ambiental na Universidade da Coruña, onde desenvolve unha tese sobre conservación das aves galegas. Autor de numerosos artigos e varios libros dedicados á historia natural, leva máis de quince anos ligado ao Grupo Naturalista Hábitat, ONG na que actualmente traballa. Un dos eixes constantes do seu labor é o estudo e control das especies exóticas invasoras, entre elas o eucalipto, tema central da súa palestra.



