A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, á que pertence a Agrupación Cultural O Facho, organizou o pasado mércores, 6 de marzo, no Teatro Rosalía de Castro, un gran acto de homenaxe e celebración en recordo a Luísa Villalta, protagonista do Día das Letras galegas en 2024.
Denominada como “Inaugurar o Tempo da Xustiza: Celebrando a Luísa Villalta“, e coincidindo co vinte aniversario do seu falecemento, a iniciativa buscou resaltar a diversidade da creadora como poeta, dramaturga, ensaísta e violinista, así como o seu compromiso social e político.
Na programación atopábase un recital poético, “Luísa Villalta na Voz dos Poetas”, no que participaron Marica Campo, Xulio López Valcarce, Cesáreo Sánchez e Eva Veiga. A profesora e escritora María Pilar García Negro realizou unha lembranza íntima de Luísa Villalta na súa intervención “Eu Renazo Galega”. O actor Miguel Pernas Cora presentou a representación de “Concerto para un Home Só”, unha peza teatral que Luísa Villalta publicou en 1989 nos Cadernos da Escola Dramática Galega.
Para rematar, o Grupo Instrumental ‘Siglo XX’, integrado por Florian Vlashi, Luigi Mazzucato e Raúl Mirás, ofreceron un concerto interpretando composicións de Paulino Pereiro relacionadas coa obra de Luísa Villalta. Xurxo Souto pechou o evento cunha intervención titulada “O Outro Lado da Música”, inspirada no ensaio homónimo de Luísa Villalta.
Imaxes cedidas por: M. d’Outeiro