Nunha conferencia pausada e perfectamente sincronizada, os arquitectos e profesores Henrique Seoane Prado e Ángeles Santos Vázquez guiáronnos pola paisaxe hídrica de Galicia, destacando a importancia da auga na configuración do territorio e os asentamentos humanos.
Desde o inicio, os relatores lembraron ao seu mestre Manuel Gallego Jorreto, quen xa nos anos 1979-1980 faláballes sobre a transcendencia do mundo rural. A partir de aí, comezaron a debullar como a xeografía e o clima galegos determinaron a forma en que se habita este territorio.
A xeografía da auga móstranos como as nubes cargadas de humidade provenientes do Atlántico chocan coas serras litorais de Galicia, provocando unha elevada pluviometría de entre 1.800 e 2.000 mm anuais. Estes sistemas montañosos, fornecedores de auga, con relevos suaves e pendentes moderadas, actúa como unha gran esponxa que retén e distribúe a auga. A división natural do territorio en dúas vertentes —unha que desemboca no Atlántico e outra que flúe cara ao Sil e o Miño— reforza a imaxe de Galicia como “o país dos mil ríos”, unha idea que Otero Pedrayo popularizou, aínda que en realidade son 21.200 os nacementos de auga repartidos de forma homoxénea por toda a rexión.
En Galicia, a presenza de auga define os asentamentos. Non existe aldea sen fonte; alí onde hai auga, hai posibilidade de vida e de cultivo. Con máis de 30.000 aldeas e lugares dispersos, cada un deles goberna o seu propio territorio, cuxo equilibrio depende dunha xestión sabia da auga.
Esta relación coa auga non é recente. Desde a época dos castros, a distribución do territorio seguiu un patrón homoxéneo, onde o minifundio non sempre existiu. Historicamente, os montes e as augas eran bens comunais da aldea, e non da parroquia nin da administración pública. Os montes, geológicamente antigos, presentan depresións naturais que almacenan auga, permitindo a existencia de fontes e arroios que foron aproveitados por xeracións.
A cultura da auga en Galicia tamén se reflicte na súa toponimia. Na zona do Rosal, por exemplo, existen ata 122 topónimos por quilómetro cadrado, dos cuales o 15% está relacionado coa auga e a súa xestión. Termos como “regueiros” (correntes continuas) e “regueiras” (correntes intermitentes e subteráneas) ilustran o profundo coñecemento que os habitantes destas terras desenvolveron sobre o comportamento da auga ao longo dos séculos.
O uso da auga en Galicia estivo sempre regulado por sistemas de xestión comunal. Desde a repartición equitativa das quendas de rega ata os sistemas de distribución entre leiras, a auga nunca foi considerada un ben privado, senón parte esencial do “eido”, do conxunto do territorio e os seus habitantes.
O manexo da auga en Galicia é unha herdanza de equilibrio e sabedoría Esta palestra lembrounos como Galicia soubo aproveitar a súa riqueza hídrica de maneira sostible, un coñecemento que segue vixente e que podería ofrecer solucións para a xestión da auga no futuro.

