No ano en que se conmemoraron os 25 anos do falecemento de Castelao, O Facho levou a cabo unha serie de actividades para honrar o seu legado e manter viva a súa memoria. Ao longo de todo o ano organizáronse conferencias, mesas redondas, exposición de gravados e unha Mostra de Cómic Galego, nas que participaron destacados intelectuais, artistas e estudosos da obra de Castelao. Todo iso co obxectivo de achegar o seu pensamento e a súa produción artística ás novas xeracións.
Naquel momento, O Facho comprendeu a importancia de seguir difundindo a figura de Castelao non só como símbolo do galeguismo, senón tamén como referente cultural e político de gran relevancia. O seu legado segue vixente nos nosos días, lembrándonos a importancia da identidade, a xustiza e a expresión artística como ferramentas de transformación social.
Siro, quen colaborou en múltiples ocasións con O Facho, escribiu na revista A Nosa Terra, alá polo 1977, un artigo sobre Castelao titulado “O artista e o humorista”, no que di:
“A segunda etapa acada a máxima calidad co álbum Nós. Foi entre 1916 e 1918 cando Castelao elaborou estas extraordinarias estampas, cun criterio radicalmente oposto ao que seguira nos debuxos de Vida Gallega. Segundo el mesmo nos conta no limiar do álbum, fíxoo non para divertir aos licenciados das Universidades, senón para desacougalos. Non quiso pintar as ledicias das nosas festas, a fartura dos nosos casamentos, senón as tremendas angúrias do decotío labrego e mariñeiro, porque estimaba que o pesimismo pode ser libertador cando desperta carraxes e cobizas dunha vida mais limpa.

A identificación de Castelao coa xentes galegas foi plena. Sendo colaborador de El Sol de Madrid, o xornal de maior prestixo e tirada de España, ofrecéuselle un traballo fixo na redacción, e rexeitóuno porque lle interesaban máis “os xestos e as verbas dun labrego da Terra que ridiculizar aos políticos da Corte”. Todo o álbum Nós, Cousas da Vida, Cincoenta homes por dez reás, e outros debuxos da madurez que foi publicando en xornais, revistas, libros, calendarios, etc., admírannos polo extraordinario dominio que demostra ao apreixar nunhas poucas liñas todos os rostros posibles de homes, mulleres e nenos do País. Cando Castelao deseña o rostro enxoito e sulagado de enrrugas do vello labrego, temos ante nós un labrego que se nos antoxa familiar, como alguén que coñecimos un día non sabemos cando. E outro tanto podemos dicer do mariñeiro, do cacique, do cego, do crego, do emigrante ou do vello que pide esmola. E ainda máis: usando en apariencia as mesmas liñas e sen outros elementos esclarecedores, todos vemos que o labrego é labrego e que o mariñeiro é mariñeiro, e non hai dúbida posible.
Homes e mulleres labregos son decote os protagonistas da suas estampas. Semella que Castelao escolmara todos os arquetipos posibeis da fisonomía dos nosos campesinos para ilos apresentando un por un nas suas Cousas.
A caricatura como síntese que esaxera o característico, permitíulle realizar unha obra xigantesca pintando un povo vivo, latexante, e abraiantemente auténtico.”
No mesmo artigo, mais adiante, di Siro:
Don Ramón, e o seu amigo e irmán, ofrécenos a descripción da figura e algunhas peculiaridades do carácter.
“Os ollos da nai, o corpo fino e lanzal, de hombreiros varis, levando con fidalgura a testa sempre ergueita, ás veces cangado o corpo como o piñeiro coa virazón…
Aspecto de “Vago” dos poemas pondaliáns, bohemio fidalgo da conversa e da arte, do falar, sempre ecoante de historias e pantasías novas… Gran señor do tempo, enxamáis se lle víu aforrar un minuto. Gastaba lus, coores, horas e armunías como un día de outono. E no vran, por haber en Daniel un sentimento de amor pola desgracia e o morrer, mais semellante cos outonos galegos”(…)
“Tiña un acento, un surrir de alegría e recompensa cando decía de calqueira: “Éche bon, ¿sabes?”. O bon ese ao mellor era un pillabán. Pero Daniel non tiña o senso da realidade do mal. Por eso choraba, como o vin moitas veces, cando o mal era verdadeiro en non se podía negar”. (…)
“Castelao ría. Na risa e na caricatura de Castelao había en cada caso un amor (…) “.
Velahí temos na mesma persoa o artista dotado de pantasía e talento, e o home ledo, burlón e, emporiso, sentimental, agarimoso, compasivo… Son condicións necesarias e imprescindibeis no artista-humorista, aínda que non abonden pra configuralo de cheo.

