O pasado día 29 de outubro, en Portas Ártabras e dentro das palestras celebradas por O Facho, interveu o arquitecto Xosé Allegue cunha palestra titulada “Galicia: territorio capturado“. Este arquitecto, con doutoramentos nas escolas de arquitectura de Lille e A Coruña, ocupa desde 1993 o cargo de Xefe da Oficina de Proxectos e Infraestruturas do Consorcio de Santiago.
Foi profesor de Proxectos en University College Dublin durante dez anos (2009-2019) e membro da Comisión Asesora da Cidade Histórica de Santiago de Compostela (2010-2020). Presentou numerosos relatorios en congresos e publicou artigos en revistas especializadas en temas de territorio, patrimonio e dereito á vivenda. Ao longo da súa carreira, recibiu diversos premios, tanto nacionais como internacionais.
Na súa intervención, Allegue realizou unha análise crítica da situación de Galicia, destacando a influencia das elites extractivas nas políticas rexionais, que logran axustar as leis aos seus intereses en detrimento do ben común. O arquitecto e profesor universitario advertiu sobre os riscos dun modelo económico que prioriza os grandes proxectos e a especulación, en lugar do desenvolvemento local e sostible.
Allegue propuxo un modelo integral que abrangue desde a xestión da auga e a enerxía ata a revitalización do medio rural e a promoción da economía circular. Un modelo“mais pequeño, mais repartido, mais xusto” que busca fomentar a autosuficiencia, reducir a dependencia dos combustibles fósiles e mellorar a calidade de vida dos galegos.
En Portas Ártabras, Xosé Allegue acompañado de Xosé Manuel Asorey, Xan Castro Insua e Felipe Senén
Para ver a palestra completa pica nesta ligazón a Youtube