Palestra: “A Coruña, 1901: un retrato a chumbo e sangue” Francisco Ascón Belver

O pasado 27 de maio, O Facho organizou unha palestra a cargo de Francisco Ascón Belver, animador sociocultural, activista e escritor, co título:

“A Coruña, 1901: un retrato a chumbo e sangue”.

O acto celebrouse, como é costume, no Espazo Cultural Portas Ártabras —sito na rúa Sinagoga nº 22, baixo, 15001 A Coruña— e enmárcase dentro do ciclo de palestras públicas do segundo trimestre de 2025.

Incluímos unha breve descrición do relator, que contextualiza a importancia do asunto tratado.

A finais de maio de 1901, a cidade da Coruña quedou paralizada por unha folga xeral que había de durar tres días, convocada polas sociedades obreiras trala morte a noite anterior, dun traballador en folga. O medo da burguesía local e as estruturas estatais ante o pulo da organización obreira, que fora quen de deter a cidade nunha noite, provocou a brutal represión que de seguido sufriron as traballadoras e traballadores e que deixou as rúas tinguidas de sangue obreira, a cidade e maila súa contorna en estado de sitio e baixo mando militar por varios meses, e o nacente movemento obreiro da cidade herculina perseguido e criminalizado cos seus responsables presos nas cadeas da cidade ou en presidios lonxe dos seus, e as sociedades obreiras suspendidas.

Case 125 anos despois de ter acontecido, o relato dos sucesos na Coruña logo da chamada “folga dos consumeiros” permitirá achegármonos a un retrato da nosa cidade a finais do s.XIX. Unha cidade en pleno proceso de cambio cara a modernidade, e sinaladamente, ao nacemento do movemento obreiro coruñés e da organización dos traballadores e traballadoras, que logo marcarán os anos posteriores no decorrer do s.XX ata a feroz e sanguinaria masacre que comezou en xullo de 1936.

Mais a lembranza do ocorrido continúa viva hoxe grazas ás investigacións e publicación realizadas, pero tamén grazas ao propio pobo que uns anos máis tarde levantou, por subscrición popular e a iniciativa das sociedades obreiras, o memorial que recorda no cemiterio de Santo Amaro aos traballadores e traballadoras asasinadas. Un pobo que continúa aínda hoxe lembrando cada ano que a historia, como a liberdade, é unha obra colectiva, que milleiros de mans, anónimas pero organizadas, procuran e acadan os avances con loita e esforzos compartidos, nun camiño de emancipación polo que aínda avanzan os nosos pasos.

Francisco Ascón Belver, a pesar da súa formación xurídica, é Experto Universitario en Animación Sociocultural e a maior parte da súa vida laboral ten estado vencellada coa Educación, e máis concretamente coa Educación de Adultos: primeiro con persoas migrantes, logo no sector da Educación Especial como preparador laboral de persoas adultas con diversidade funcional, e dende hai 17 anos, fai parte do equipo da Universidade Sénior da UDC, desenvolvendo, entre outras, tarefas de internacionalización, mobilidade e innovación, como o Programa de Democratización do Coñecemento, en comarcas afastadas dos campus.

Militante desde moi novo no anarcosindicalismo, participou en diversas iniciativas para a recuperación da memoria histórica libertaria na Coruña, como a Asociación Cultural “Idea Libre” nos anos 90 ou as Xornadas pola Recuperación da Memoria Histórica Libertaria, a principios do presente século. Na actualidade é membro da Comisión confederal de Memoria Libertaria da CGT, socio de Refuxios da Memoria e fai parte do equipo promotor da Biblioteca e Arquivo Obreiro “Aurora” da Coruña. Administra a web “memorialibertarianagaliza.org” e ten publicado artigos sobre historia do movemento obreiro e as loitas populares en medios como “Rojo y Negro” de Madrid, o semanario “La Campana” de Pontevedra, e próximamente na revista “Libre Pensamiento”, a nivel estatal.

Coordina tamén o Club on-line de lectura de poesía En-RED-Versad@s, creado en 2014, pero que cobrou vida propia en 2023: un espazo autoxestionado de aprendizaxe colaborativa.

Unindo o eido literario e a memoria histórica, ten sido recoñecido recentemente cun accésit no XI premio literario “Descubrindo Oleiros” por un relato sobre a fuga do barco “María Helena J.” desde Mera ata Francia en outubro de 1937.