O 30 de setembro tivemos a sorte de escoitar en Portas Ártabras a José Luis Rabuñal. Dende o primeiro minuto decatámonos de que non só falaba un apaixonado da ornitoloxía, senón tamén dunha persoa fondamente sensible coa defensa da natureza.
Aínda que a súa profesión foi o dereito, a relación co mundo das aves vénlle de neno, cando con catro anos viu por primeira vez un martín pescador na Ría do Burgo. Aquel intre marcou toda unha vida de curiosidade e entrega.
Na súa intervención detívose especialmente na Costa da Morte, o seu principal territorio de estudo. Alí, en lugares como o Esteiro do Anllóns, a Lagoa de Traba ou a costa ata Estaca de Bares, puido observar e rexistrar aves raras. Estes espazos resultan privilexiados para seguir os movementos migratorios das aves que viaxan do norte de Europa cara a África, así como doutras que chegan desde América.
Explicou tamén fenómenos sorprendentes das viaxes migratorias. Algunhas aves, de apenas 30 gramos de peso, percorren milleiros de quilómetros sen comer, sen durmir e sen deter a súa marcha. É o caso do correlimos de Baird, que se reproduce desde Siberia ata Groenlandia e Canadá, migra sobre todo polo interior do continente americano e inverna en Sudamérica, chegando ata Chile e a Arxentina. Algunhas destas pequenas aves mesmo atravesan o Atlántico, sendo rexistradas por el no Esteiro do Anllóns.
Tamén explicou como as aves se preparan para estas viaxes acumulando reservas de graxa que lles serven de combustible. Pero o máis sorprendente é a súa capacidade de orientación: como logran volver ao mesmo lugar exacto ano tras ano? Comparouno cun GPS de enorme precisión, un misterio que a ciencia aínda non conseguiu explicar de todo e que continúa a ser un reto apaixonante.

