O país invisible. Os fíos dunha Galicia atlántica

Hai unha Galicia que non cabe nos mapas habituais. Unha Galicia que cruzou o océano, que botou raíces lonxe da casa e que, malia a distancia, nunca deixou de tecer vínculos coa terra de orixe.

A esa historia, feita de partidas, esperanzas, exilios e novas vidas, dedícalle Arturo Lezcano o seu libro O país invisible. A epopea atlántica da diáspora galega, co que acadou o Premio Ínsua dos Poetas 2026 na categoría de Galicia Exterior.

O pasado 13 de outubro, en Portas Ártabras, Lezcano achegounos a ese territorio espallado polo mundo. Un dos fíos condutores da palestra foi un gran mapa das principais bisbarras migratorias galegas e dos seus destinos preferentes: Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil, Nova York, Venezuela, México ou Panamá. Lugares que gardan as pegadas de xeracións de galegas e galegos que marcharon para procurar un futuro e acabaron formando parte doutras historias.

A través da investigación e da recuperación de tantas vidas individuais, emerxe unha memoria compartida: a dun pobo que levou consigo a lingua, os afectos e a lembranza da casa, ao tempo que contribuía a transformar a cultura e a sociedade dos lugares que o acolleron.

Porque Galicia tamén se foi construíndo lonxe de Galicia. E nas historias de quen marchou, nos lazos que resistiron a distancia e nas pegadas deixadas ao outro lado do mar latexa unha parte esencial da nosa propia historia.

Descubrir O país invisible é, en definitiva, volver mirar Galicia desde o Atlántico e recoñecer todo o que somos tamén grazas a quen marchou.