Palestra: “Denominacións de orixe dos viños de Galicia: a importancia das variedades autóctonas” Alfonso Losada Quiroga

Alfonso Losada: un apaixonado divulgador dos viños galegos

O pasado 13 de xaneiro asistimos, en Portas Ártabras, á palestra de Alfonso Losada Quiroga sobre as denominacións de orixe dos viños de Galicia e a importancia das variedades autóctonas. Foi un paseo polo viño galego da man de alguén que coñece a fondo o territorio e a súa evolución nas últimas décadas.

Falouse das denominacións de orixe que hoxe nos resultan familiares —Rías Baixas, Valdeorras, Ribeiro, Ribeira Sacra e Monterrei— e de como, desde os anos setenta e oitenta, axudaron a ordenar o sector e a recuperar cepas propias. Variedades como o albariño, o godello, a treixadura, a mencía ou o caíño foron decisivas para construír a identidade e o prestixio do viño galego. Ademais, destacou a crecente importancia de producir variedades resistentes ás enfermidades, clave para garantir a sustentabilidade da viticultura sen depender de tantos tratamentos químicos.

Ao longo da charla quedou claro que a variedade é fundamental, pero non o único factor. Solo, clima e territorio fan que unha mesma uva dea viños moi distintos segundo a zona. Non hai dous albariños iguais, nin sequera dentro de Galicia.

Houbo tamén unha reflexión sobre os Viños da Terra e o papel dos pequenos produtores. Proxectos modestos, moitas veces familiares, conviven coas grandes adegas e axudan a manter a diversidade, o vínculo coa viña e outras maneiras de entender o viño.

A charla deixou a sensación de que o viño galego se constrúe a partir dun equilibrio: entre tradición e coñecemento técnico, entre identidade e adaptación, e entre produción e pracer. Un bo punto de partida para seguir bebendo, probando e aprendendo, lembrando que a innovación e a resistencia das cepas tamén son parte do futuro do viño galego.

Alfonso Losada, natural de Tuiriz e actualmente residente en Ourense, é funcionario da Xunta de Galicia e conta cunha sólida formación como Enxeñeiro Técnico Agrícola e Máster en Viticultura, Enoloxía e Marketing de Viños.

Ao longo da súa carreira investigou na Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA), onde foi xefe das seccións de Viticultura e Enoloxía. Alfonso combina o seu coñecemento técnico cunha verdadeira paixón polos viños galegos, facendo da divulgación a súa marca persoal.

Participou en cursos, xornadas e charlas, asesorou a viticultores e adegas, e forma parte de comités de cata e certificación en eventos nacionais e internacionais. Ademais, colabora regularmente en diversos medios de comunicación.

Nesta palestra, Alfonso compartirá a súa experiencia e entusiasmo polo mundo do viño galego, invitándonos a descubrir os segredos e historias que se esconden detrás dunha boa botella.