O luns 27 de xaneiro celebrouse en Portas Ártabras a presentación do poemario Autorización do centro da palabra, de Sofía Muñiz, obra gañadora do Premio de Poesía do Facho 2025. No acto participaron a autora, Xulio L. Valcárcel, en representación de Medulia Editorial, Fernando Díaz-Castroverde, membro do xurado, e Henrique Sánchez, como representante da Asociación Cultural O Facho.
Henrique Sánchez abriu a presentación facendo un percorrido pola historia do certame, lembrando algúns dos seus gañadores e salientando a importancia do labor continuado de O Facho na promoción da creación literaria en galego. Subliñou especialmente o papel dos seus concursos de poesía, teatro e contos para nenos como espazos de acollida e impulso para novas voces, moitas das cales acabaron por converterse en referentes fundamentais das nosas letras.
Na súa intervención, Xulio L. Valcárcel agradeceu a hospitalidade de Portas Ártabras, un espazo que definiu como lugar de tolerancia, encontro e pensamento crítico, moi axeitado para a palabra poética. Detívose tamén no traballo desenvolvido por O Facho ao longo dos anos, destacando a súa constancia e compromiso coa cultura galega a través destes premios literarios, que manteñen viva a creación e o diálogo interxeracional. En canto ao libro, puxo o acento na musicalidade da poesía de Sofía Muñiz, nun texto que seduce tanto polo contido como polo ritmo e a sonoridade, e reivindicou o poder da palabra poética como vehículo de emoción, identidade e reflexión.
Fernando Díaz-Castroverde achegou unha lectura máis simbólica da obra, describindo a poesía de Sofía Muñiz como un “universo de cristal”, un “calidoscopio” e mesmo como “un libro de auga”, imaxes coas que evocou a súa riqueza sensorial, a delicadeza das imaxes e a complexidade do seu entramado poético.
Sofía Muñiz pechou o acto cunha intervención na que lembrou a grandes poetas galegas como Luz Pozo Garza, Xoana Torres, Xela Arias e María Xosé Queizán, mulleres que —nas súas palabras— seducen coa palabra e abren camiños. Explicou que nos seus poemas a palabra actúa como fío condutor dun percorrido vital que transita polo Xénese, a enfermidade, a metamorfose e a claudicación do silencio. Para rematar, ofreceu a lectura do poema “Moderno Prometeo”, que foi acollido cun longo aplauso do público.
Sofía Muñiz (Cambados, 1995) é enfermeira de formación e profesora de ensino secundario. A súa traxectoria artística abrangue a poesía, as artes plásticas e a fotografía. Foi finalista en dúas ocasións no certame Xuventude Crea e participou en diversas exposicións colectivas en espazos como o Museo de Pontevedra ou a Universidade de Santiago de Compostela. Publicou recentemente poemas na revista Dorna.




