Desde a Agrupación Cultural O Facho comunicámosvos a celebración do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do cuarto trimestre de 2026.
O vindeiro dia 10 de novembro o historiador e xornalista David Fontán Bestilleiro impartirá unha palestra co título:
“Reconstruíndo territorios sustentables. O papel da historia agraria en tempos de crise socioecolóxica”
Data: 10 de novembro, martes
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Espazo Cultural Portas Ártabras- sito na Rúa Sinagoga nº 22-baixo 15001 A Coruña. Ver mapa
David Fontán (A Coruña, 1992) combina a súa traxectoria profesional no ámbito do xornalismo e a comunicación cunha faceta investigadora centrada na historia rural e agraria de Galicia. Desde 2020 desenvolve este labor vinculado ao grupo de investigación Histagra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).
A comezos de outubro de 2026 defendeu na USC a súa tese de doutoramento, titulada Comunais, conflitos e sustentabilidade nos agroecosistemas da Galiza atlántica (s. XVIII – s. XXI). Articulación e desarticulación do territorio, do marco orgánico ao industrial. Un traballo que foi posible grazas a unha axuda predoutoral da Xunta de Galicia, a unha bolsa de investigación da Deputación da Coruña e ao apoio de diversos proxectos do grupo Histagra.
Nos últimos anos, David tamén participou no Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto de investigación-acción participativa e historia aplicada que busca contribuír á resiliencia e á sustentabilidade do territorio e das comunidades locais. Unha iniciativa que aposta por aprender do pasado para afrontar os retos do futuro e que deu lugar, na súa primeira etapa, ao libro Cando eramos sostibles. Aprendendo no Barbanza as chaves do futuro, dispoñible na web do proxecto.
A partir de toda esta experiencia, David achegaranos unha reflexión sobre como coñecer a historia do noso territorio pode axudarnos a entender mellor a realidade actual do mundo rural galego. Porque mirar cara atrás tamén pode ser unha boa maneira de atopar novas ideas e camiños para construír un futuro máis sostible, tanto desde o punto de vista social e económico como ambiental.