“118 anos do Himno Galego: unha homenaxe e unha reivindicación pendente”

O pasado 17 de decembro, na rúa Rego de Auga da Coruña, Galiza Cultura e Vía Galega —entidades das que O Facho forma parte— xunto co Coro Cantigas da Terra, renderon homenaxe ao Himno Galego no seu 118 aniversario. O acto serviu, un ano máis, para reclamar á Xunta de Galiza a corrección dos erros que aínda persisten na letra oficial e a necesaria modificación da Lei de Símbolos de Galiza.

O Himno, baseado nas catro primeiras estrofas de Os Pinos de Eduardo Pondal e na música de Pascual Veiga, foi recollido na lei de 1984 cun texto cheo de alteracións alleas ao orixinal. Así o demostrou hai máis de 30 anos o profesor Manuel Ferreiro, máximo especialista na materia. Malia as reiteradas iniciativas parlamentarias desde 1996, o erro segue sen ser corrixido. Por iso, Vía Galega e Galiza Cultura reivindican a restitución da letra auténtica e a difusión completa do Himno en varias vilas e cidades do país, mantendo viva unha loita contra unha clara inxustiza histórica co pobo galego.