O pasado, 9 de decembro, Portas Ártabras converteuse nun escenario da memoria teatral coruñesa coa presentación do libro Tespis e o contexto teatral coruñés, de Francisco Otis Ríos, dentro das palestras do Facho. O que se viviu foi unha conversa viva, máis próxima a unha charla de café ca a un acto formal.
Xunto ao autor participaron Miguel Pernas, Xosé Manuel Rabón e Santiago Fernández, todos eles figuras destacadas do teatro galego. Sentados fronte ao público, foron debullando lembranzas, datos, títulos de obras, anos e nomes de persoas que xa non están, pero que seguen presentes nun teatro feito de palabra e memoria.
Miguel Pernas encargouse de conducir a presentación, introducindo os participantes mentres interviña como un máis, achegando a súa experiencia como actor.
Xosé Manuel Rabón, director do Grupo de Teatro O Facho entre 1973 e 1979, evocou o entusiasmo creativo da época. Detívose na montaxe de As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, de Carlos Casares, co vestiario e decorados de Luís Seoane, e no seu éxito na Mostra de Teatro Galego de Ribadavia. Lembrou tamén textos de Blanco Amor e Carvalho Calero, ata chegar a Paco Pixiña e a nave espacial, de Isaac Díaz Pardo e Celso Emilio Ferreiro, unha obra que superou con dificultade a censura e acabou converténdose nun símbolo. Tempos de ilusión e tamén de silencio.
Santiago Fernández compartiu os seus primeiros anos no teatro, desde a Escola de Maxisterio ata a representación de Escuadrón cara á morte, de Alfonso Sastre, no ano 1966, que chegaron a levar mesmo a un cuartel coruñés. Como fundador de Tespis, repasou as numerosas obras representadas baixo a dirección de José Redondo Santos.
Nesa parte da conversa, volveron á escena figuras fundamentais como José Redondo, José Luis Fernández Caramés, Manolo Lourenzo, María Luísa Durán Marquina e moitas outras persoas ligadas a Tespis, convocadas pola memoria compartida.
Pechou o acto Francisco Otis Ríos, explicando que o seu libro reconstrúe non só a traxectoria de Tespis, senón tamén a doutros grupos da Coruña e da contorna, nun período que vai do tardofranquismo á democracia. Definiu Tespis como unha auténtica escola e unidade produtiva teatral, arredor da figura de José Redondo Santos, mestre de mestres do teatro e do cinema.


