O pasado 14 de abril tivemos a oportunidade de asistir a unha palestra con Diego Rodríguez González na que se abordou a figura de Manuel Murguía desde unha perspectiva distinta á máis habitual.
Ao longo da intervención presentouse a Murguía como un folklorista atípico, afastado da imaxe do investigador que recolle directamente a tradición oral. No seu caso, non existe un traballo de campo nin unha metodoloxía folclorista sistemática, senón unha aproximación máis interpretativa e mediada.
Un momento clave prodúcese, durante unha viaxe a Coimbra, cando a súa filla lle canta de memoria o romance de Don Gaiferos. Este episodio supón un cambio na súa percepción, xa que lle permite recoñecer o valor dunha tradición oral viva, transmitida coa memoria e suxeita a variacións.
Na palestra tamén se puxo de relevo a importancia que Murguía lle outorga ao folclore como fenómeno contemporáneo, así como o seu posible uso político e social. Igualmente, destacouse o papel das mulleres como principais transmisoras desta tradición.
En conxunto, a intervención de Diego Rodríguez permitiu achegar unha visión máis complexa de Murguía, situándoo non tanto como recolector de folclore, senón como intérprete e mediador na construción do seu sentido cultural.
Como peche, recóllense as palabras de Diego Rodríguez González:
“Murguía achégase ao folclore cun método e uns obxectivos diferentes de case todos os outros colectores. As súas recollas son sempre mediadas e o seu interese histórico, antropolóxico e de construción nacional. Pero isto non significa un desleixo na transmisión dos valores lingüísticos e artísticos que as rimas que recolleu portaban e que hoxe son probablemente o máis relevante do seu legado como folclorista malgré lui”.
Diego Rodríguez González licenciouse en Xeografía e Historia, especializándose en Historia Contemporánea e Biblioteconomía e Arquivística. Ocupou diversos postos como bolseiro, destacando na Biblioteca Nodal de Ourense, como profesor no Centro Bibliográfico Superior de Galicia e como técnico superior na Biblioteca Xeral da Universidade de Santiago. Responsable de Cultura na Barrié e académico correspondente da Real Academia Galega. Publicou numerosos artigos sobre Murguía e Rosalía e un libro que é unha edición do material das Rimas.
Desde 2011 colabora coa Real Academia Galega na renovación tecnolóxica do seu dicionario e a creación do Portal das Palabras, plataforma dixital iniciativa da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a promoción do léxico e do aprecio social pola riqueza lingüística de Galicia.