O 24 de marzo, Portas Ártabras acolleu unha charla do Facho con Henrique Sáez, centrada nunha idea clara: o poder organízase arredor de tres eixes —Estado, diñeiro e palabra—.
O Estado, cada vez máis ríxido, tende a favorecer aos máis fortes e debilitar ás clases medias . O diñeiro concentra unha influencia crecente e xera desigualdade. E a palabra, aínda presente nas igrexas, multiplicou o seu alcance coas redes: “ten hoxe unhas dimensións que nunca tivo”.
O risco, advertiu, é novo: a unión de riqueza e control da información nas grandes tecnolóxicas. Por iso, defendeu limitar oligopolios e pensar nunha rede social pública europea.
Galicia foi central na súa análise: un país en profunda transformación. Do agrario ao diversificado, dun territorio de emigración a receptor. “Fomos un sur no norte porque fomos un norte sen sur”.
Retos: sustentabilidade e incendios, despoboamento, terra e enerxía —con máis apoio á industria ca aos propietarios—, patrimonio (Camiño, “circuitos curtos”) e produción de proximidade. E unha clave final: “a nosa lingua permítenos entrar no mundo luso”, pero estase a perder.
Unha intervención chea de ideas, cun fío claro: entender como se concentra o poder é clave para entender tamén cara a onde vai Galicia.
Enrique Sáez Ponte (A Coruña, 1947) é licenciado en Dereito e en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e MBA do IESE (Barcelona).
Profesional da empresa privada, traballou durante trinta anos no Banco Pastor (orixinado en 1776), e ocupou postos de alta dirección nos derradeiros 14 anos desta etapa, que rematou no 2003 cando era Director Xeral Comercial. Asistiu a cursos de especialización sobre temas financeiros na Northwestern University (Illinois, USA) e na Cambridge University no Reino Unido.
Desde 2003 preside a Fundación Juana de Vega (1872) e o grupo Torres & Sáez (1894). Foi tamén presidente, dende 2009 ata 2014, da Unión de Almacenistas de Hierros de España (1910).
A actividade profesional, que o levou a dirixir ou presidir catro organizacións privadas de máis de 100 anos de antigüidade, ten reforzado o seu interese polos temas económicos e sociais, especialmente polos que teñen que ver co desenvolvemento, a organización dos estados modernos, a economía mergullada e a situación de Galiza. Intervén acotío en cursos e seminarios. Ten publicados numerosos artigos e tres ensaios: O mundo e nós (Xerais, 1999), La energía oscura del dinero (Netbiblo, 2007, Ediciones Europa 2021)e A liberdade no século XXI (Galaxia, 2017).