No pasamento de Manuel Lourenzo

Con fonda dor e un baleiro imposible de encher, a Agrupación Cultural O Facho despide a Manolo, un amigo querido e comprometido cuxa presenza e traballo deixaron fonda pegada na nosa historia. A Asociación Cultural O Facho fixo público en La Opinión un sentido recordo de quen foi colaborador xeneroso, desinteresado e sempre comprometido coa nosa entidade, que reproducimos a continuación.

Benquerido Manolo:

Que a vida é puro teatro, ti sábelo mellor ca ninguén.

Chegaches ao derradeiro acto, á escena final co teu público entregado e triste, mais á vez ledo por terte coñecido e compartir contigo experiencias, traballo e amizade, amais da obra que nos deixas.

Lonxe queda a túa feliz infancia en Ferreira do Valadouro, de onde te viña a querencia musical e interpretativa; o internado no Colexio Academia Galicia da Coruña con aquel sempiterno don José, o cura, que gardabas na túa memoria; os estudos de Maxisterio e, máis tarde, de Interpretación en Barcelona; a túa estadía na Alemaña do teu admirado Bertold Brecht. 

Até que volviches a Galiza e, xunto ao teu amigo Francisco Pillado, creaches o Grupo de Teatro O Facho, no seo da Agrupación Cultural do mesmo nome no ano 1965, que marcou o camiño do teatro independente galego.

A presente carta só tenta amosar a grandeza do teu espírito, xeneroso e sempre disposto a sumar polo teatro e a cultura galega. Até o mes de maio, colaboraches para sacar adiante o Premio de Teatro O Facho 2025 -como facías todos os anos-, que xa adianto, levará o teu nome. Participaches na celebración do 60 aniversario da A.C. O Facho xunto ao teu veciño da infancia Miro Casabella e o poeta Xulio L. Valcárcel; tamén na homenaxe a Pancho Pillado na que estiveches coa túa inseparable Montse nas Portas Ártabras que nos abre o incombustible Felipe Senén.

A cultura do noso país necesita persoas coma ti. Na túa camiñada, Manolo, non deixaches de sementar, Teatro Circo, Compañía Teatral Luís Seoane, Clube de Teatro Elsinor, Escola Dramática Galega, Casahamlet, amais dunha extensa obra dramática e múltiples artigos en revistas e ensaios.

A túa fina ironía e sentido do humor, o teu carácter ás veces volcánico e un moito retranqueiro, botarémolos de menos.

Polo que nos deches, polo que aprendimos de ti, polo traballo compartillado, por abrirnos as portas da túa casa todos estes anos.

Unha fonda aperta, Manolo.

Saudinha e cante o merlo!!!

Agrupación Cultural O Facho

Como peche, compartimos unha entrevista que Manuel Lourenzo nos concedeu en xaneiro de 2023 para o blog de O Facho, na que reflexiona sobre o teatro como ferramenta de loita e liberdade:
Manuel Lourenzo: “O teatro era o maior inimigo do silencio e da submisión”