Desde a Agrupación Cultural O Facho comunicámosvos a celebración do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do cuarto trimestre de 2026.
O vindeiro 13 de outubro, martes, o xornalista e escritor galego, Arturo Lezcano, pronunciará unha palestra co título: “A construción da Galicia transatlántica, un país invisible”
Data: 13 de outubro
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Espazo Cultural Portas Ártabras- sito na Rúa Sinagoga nº 22-baixo 15001 A Coruña. Ver mapa
Arturo Lezcano, nado en Ferrol en 1976, é xornalista e escritor galego. Durante doce anos foi correspondente en Latinoamérica, unha experiencia profesional que se suma a unha ampla traxectoria no xornalismo, a escrita e o ámbito audiovisual.
Ao longo da súa carreira colaborou con medios como El País, Gatopardo, O Globo, Jot Down, Vanity Fair, Libero, La Voz de Galicia e tintaLibre, a revista mensual de infoLibre, entre outros. Tamén é autor de varios podcasts, entre eles In situ, La Fortuna, Olafo e En el corredor de la muerte.
No ámbito audiovisual, dirixiu A terra onde nin o demo chegou (TVG, 2010), escribiu o documental El último símbolo, traballou como guionista en Salvados (La Sexta), foi produtor de NBC Telemundo e codirixe, xunto ao xornalista Nacho Carretero, a produtora Ailalelo.
Como escritor publicou Cheché Martín, fútbol sobre lenzo (2005), sobre o futbolista e pintor coruñés; Madrid, 1983 (2021) e, máis recentemente, O país invisible. A epopea atlántica da diáspora galega (2025), unha obra coa que acadou o Premio Ínsua dos Poetas 2026 na categoría de Galicia Exterior.
É precisamente arredor deste último traballo que xirará a palestra que impartirá entre nós:
“A construción da Galicia transatlántica, un país invisible”
A palestra afondará na historia dunha Galicia que tamén se foi construíndo máis alá das nosas fronteiras, a través da emigración e do exilio. Unha Galicia espallada polo mundo, que foi creando ao longo do tempo novas identidades, vínculos e conexións.
A partir das súas pescudas, Arturo Lezcano achegaranos a esa realidade e á intrahistoria dun pobo emigrante e exiliado que levou consigo unha parte de Galicia e deixou tamén a súa pegada alén mar.
Unha oportunidade para coñecer esa Galicia transatlántica, ese país invisible, e achegarnos a unha epopea que tamén forma parte da nosa historia.