Otero Pedrayo e as primeiras agrupacións culturais de Galicia

O ano 2026 foi declarado pola Xunta de Galicia Ano Ramón Otero Pedrayo, con motivo do 50 aniversario do seu falecemento e do centenario da publicación de Guía de Galicia.

A participación de don Ramón Otero Pedrayo nas distintas facetas da vida cultural e política de Galicia foi tan intensa que o converteu nun dos grandes intelectuais da cultura galega. Articulista, ensaísta, narrador, dramaturgo e poeta, a súa obra e a súa traxectoria están intimamente ligadas ao compromiso que adquiriu en 1918, cando comezou a participar activamente no movemento político e cultural impulsado polas Irmandades da Fala, compromiso que mantería ao longo de toda a súa vida.

A fotografía que encabeza este post foi tomada en Trasalba en 1962, con motivo da entrega dunha bandexa de prata a don Ramón por parte do grupo de mozas e mozos que o acompañan. No seu momento non foi recollida polos medios de comunicación, pero agocha unha pequena historia de grande importancia para a memoria colectiva das agrupacións culturais galegas.

Na imaxe aparece un don Ramón de 74 anos, acompañado da súa esposa, Fita, e rodeado dun amplo grupo de mozas e mozos. Entre eles están persoas que participaron na fundación de agrupacións culturais como O Galo, O Facho, a Agrupación Cultural de Vigo ou a Agrupación Auriense. Nacidas nun contexto difícil, estas agrupacións serían durante anos espazos fundamentais de defensa e promoción da cultura galega.

Don Ramón mantivo o contacto con estas novas iniciativas culturais. Así o demostran, entre outras cousas, a súa participación nos Premios Castelao de Teatro Galego e, sobre todo, as cartas que mantivo con agrupacións como O Galo e O Facho.

As cartas que conservamos permiten ver de primeira man ese compromiso. Nelas, Otero Pedrayo anima e alenta estas iniciativas, demostrando que, malia a idade, seguía atento ao que estaba a acontecer na cultura galega e ás novas xeracións que a estaban a impulsar.

Cartas de Don Ramón Otero Pedrayo a O Galo

Trasalba 26 decembro 1977

Ourense 18 xaneiro 1967