Entrega dos premios dos concursos de Teatro Infantil Manuel Lourenzo, de Poesía e de Contos de Nenas e Nenos para Nenas e Nenos 2026

O pasado 5 de xuño, no local de Portas Ártabras, O Facho celebrou a entrega dos premios dos concursos de Teatro Infantil Manuel Lourenzo, de Poesía e de Contos de Nenas e Nenos para Nenas e Nenos, unha das citas máis significativas do calendario anual da agrupación.

No acto participaron as persoas gañadoras dos certames de poesía e teatro infantil, así como as rapazas e rapaces premiadas no concurso de contos. A presenza de participantes de distintas idades converte esta xornada nun encontro arredor da creación en galego que reflicte a continuidade do traballo cultural que O Facho desenvolve ao longo do ano.

A xornada comezou cun monólogo sobre o teatro a cargo de Daniel Otero. A continuación, Diana Varela Puñal deu lectura á acta do xurado do premio de poesía, que nesta edición foi declarado deserto por unha cuestión técnica, e recitou un poema de Álvaro Cunqueiro. Pola súa parte, Xoán Castro Insua leu a acta dos premios de contos. Como peche do acto, Daniel Otero ofreceu a lectura dun fragmento de A nena morta, de Manuel Lourenzo, primeiro director do Teatro do Facho e colaborador durante anos como membro do xurado do concurso que hoxe leva o seu nome.

Os concursos contan cunha longa traxectoria e por eles pasaron participantes que posteriormente tiveron unha destacada presenza na cultura galega. Con iniciativas como estas, O Facho procura seguir promovendo a creación literaria e teatral en galego e ofrecer ás novas xeracións un espazo de participación e expresión cultural.