Acto de entrega de premios dos certames literarios convocados pola agrupación cultural O Facho

O pasado 30 de maio tivo lugar en Portas Ártabras o acto de entrega de premios dos certames literarios convocados pola agrupación cultural O Facho en 2024. Este evento, que reuniu a escritores e afeccionados á literatura, supuxo unha celebración da cultura e da creación literaria en galego.

Os certames, que se celebran anualmente, abranguen diferentes categorías, como poesía, teatro e contos para nenos e nenas. Nesta edición, recibíronse un gran número de obras de participantes de toda Galicia, o que demostra o gran interese que existe por estes certames.

O acto de entrega de premios correu a cargo de Henrique Sánchez e estivo presidido por un representante de cada un dos xurados das diferentes categorías: Manuel Lourenzo, por teatro; Fernando Díaz-Castroverde, por poesía; e Juan Castro Insua, por contos. Tras unhas palabras de benvida e un agradecido recordo a quen xa non están entre nós e colaboraron altruistamente con O Facho en prol da cultura galega, procedeuse á lectura do fallo do xurado e á entrega de premios aos gañadores e finalistas de cada categoría.

Os gañadores dos certames foron:

Categoría de poesía:Esteban Sanesteban Beceiro pola súa obra “A voz das anemones“. Categoría de Teatro Infantil : Raquel Castro Martínez pola súa obra “Xoguetes e brinquedos“. Contos: Categoría A (Nenos e nenas dende 9 ata 12 anos): 1º Premio, Ada Saurin, pola súa obra “O futuro de Onha“; 2º Premio, Irene Darriba pola súa obra “Aislin, a nena das nubes“. Categoría B (Rapaces e raparigas dende 13 ata 16 anos): 1º Premio, Sabela del Río, pola súa obra “Un monstro no meu cuarto“; 2º Premio, Vera Castro, pola súa obra “Silencio“.

Ademais dos premios en metálico, os gañadores tamén recibiron un diploma acreditativo.

O acto de entrega de premios terminou cuns petiscos para compartir entre todo o público presente.

Desde a agrupación cultural O Facho quérese agradecer a todos os participantes nos certames o seu interese e a súa aportación á cultura galega. Tamén se quere destacar a importante labor do xurado, que tivo a difícil tarefa de seleccionar as obras gañadoras entre un gran número de propostas de gran calidade.

O Facho anima a todos os interesados na literatura galega a participar nas próximas edicións dos seus certames literarios.