Un peso para o teatro galego. Neste 8 de marzo lembramos tamén o papel das mulleres nas asociacións culturais galegas.

A celebración do Día da Muller Traballadora, o 8 de marzo, é unha xornada de memoria e de recoñecemento. Tamén no ámbito das asociacións culturais galegas houbo sempre homes e mulleres que traballaron cóbado con cóbado para manter viva a cultura do país en tempos cheos de dificultades.

Un exemplo significativo atopámolo na Agrupación Cultural O Galo. Fundada en Santiago de Compostela, foi a primeira asociación cultural da época franquista legalmente constituída en Galicia. En 1964 impulsou unha iniciativa moi relevante: a convocatoria do primeiro Premio Castelao de Teatro Galego. A proposta nacía como reacción á ausencia dunha modalidade en lingua galega no II Premio Nacional de Teatro Universitario convocado polo SEU.

Para conseguir a dotación económica do premio —10.000 pesetas na primeira convocatoria e 25.000 na última— organizouse unha cuestación popular coñecida como Campaña do Peso, chamada así porque se pedía á xente unha pequena achega: un peso, é dicir, unha moeda de cinco pesetas (o popular “duro”), para apoiar o teatro galego. E nesta iniciativa tiveron un papel destacado as mozas do Galo: cun peto de barro na man saíron ás rúas de Santiago pedindo un peso para axudar ao teatro galego.

Xunto cos seus compañeiros, tamén colaboraron na elaboración de listas de subscrición e na recollida de achegas individuais, así como na busca de colaboracións de establecementos e persoas vinculadas ao mundo cultural. A campaña remataba cun acto simbólico e festivo: unha cea literaria celebrada no Hostal dos Reis Católicos.

A resposta cidadá foi notable e a campaña conseguiu unha importante adhesión popular. Grazas a este esforzo colectivo foi posible impulsar un premio que contribuíu ao fomento e á visibilidade do teatro en lingua galega nun período no que a cultura galega atopaba moitas limitacións.

O Premio Castelao de Teatro Galego contou con catro convocatorias e reuniu tanto a novas xeracións de autores como a figuras procedentes do galeguismo republicano.

Na súa primeira edición o premio recaeu na obra Cando morren os farois, de Ángel de la Peña, coñecido locutor da compostelá Radio Galicia. Na segunda convocatoria o galardón foi para Jenaro Mariñas del Valle pola peza A revolta; na terceira, correspondente a 1966, o premio foi declarado deserto. Na derradeira edición, a de 1967, a obra gañadora foi Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres. Estas dúas últimas obras foron publicadas no seu momento pola editorial Galaxia.

Lembrar hoxe aquel esforzo colectivo é tamén unha forma de recoñecer o papel das mulleres que participaron activamente na vida das asociacións culturais. Co seu traballo, moitas veces discreto pero imprescindible, contribuíron a manter viva a cultura galega e a facer posible iniciativas como esta Campaña do Peso polo teatro galego.