O pasado 24 de febreiro, na sede de Portas Ártabras, tivo lugar unha palestra dedicada á realidade ambiental e social da Serra do Courel, impartida por Orlando Gregorio Álvarez, veciño do Courel, defensor da vida na montaña e dos seus soutos, experimentado castañicultor e profesor xubilado.
O relator iniciou a súa intervención definindo o Courel como un territorio amplo e cada vez máis despoboado, “un espazo que non ofrece resistencia”. Lembrou que forma parte da Rede Natura 2000 como Zona Especial de Conservación (ZEC) Ancares-Courel, figura europea destinada á protección de hábitats e especies, aínda que carece da categoría de Parque Natural dentro do sistema oficial galego e estatal.
Con décadas de experiencia na recuperación forestal e formación como biólogo, Orlando Gregorio Álvarez repasou tamén as consecuencias dos grandes incendios que nos últimos anos afectaron gravemente á serra. Segundo explicou, o Courel convértese nun territorio vulnerable fronte a intereses económicos diversos, entre eles explotacións mineiras, empresas madeireiras ou proxectos eólicos, actividades que frecuentemente entran en conflito coa conservación ambiental.
A palestra estivo acompañada dunha serie de fotografías que ilustraban o deterioro do medio. Entre elas destacou a imaxe da canteira da Campa, onde maquinaria pesada traballa no leito dun río extraendo lousa e deixando restos no propio cauce. Tamén abordou o papel das explotacións forestais, que aproveitan a madeira queimada, é mais barata, e logo vólvese a plantar. Estas plantacións, separadas por pistas abertas no terreo, non sempre resultan eficaces para deter incendios de gran intensidade.
O relator insistiu en que o lume debe previrse e non só combatirse. O abandono do rural, a diminución da actividade agrícola e gandeira e a falta de coidado do monte favorecen incendios cada vez máis extensos. Pola contra, sinalou que nas comarcas con maior presenza gandeira rexístranse menos lumes, demostrando que un territorio habitado e traballado é tamén un territorio máis seguro.
Neste sentido, reivindicou o papel histórico do Courel como terra castañícola. O castiñeiro —explicou— é unha especie produtiva e pouco inflamable cando está coidada, capaz incluso de actuar como cortalumes natural. Exemplos como os soutos de Ferreirós de Arriba-Penaboa ou a aldea de Santa Eufemia amosan como as masas de frondosas contribuíron a protexer os núcleos habitados durante os incendios recentes.
A intervención concluíu cunha reflexión de fondo: o Courel nunca foi un espazo baleiro, senón unha paisaxe construída durante séculos pola presenza humana. A súa conservación pasa necesariamente por manter vida, actividade e comunidade no rural.




