Palestra:”Apelidos galego-portugueses no mundo”José-María Monterroso

Desde a Agrupación Cultural O Facho  comunicámosvos a celebración  do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do cuarto trimestre de 2025.

O vindeiro día 28 de outubro  

Data: 28 de outubro, martes, será o escritor, poeta e activista cultural José-María Monterroso quen protagonice a próxima palestra da nosa agrupación.

Hora: ás 8 do serán

Lugar:  Espazo Cultural Portas Ártabras- sito na Rúa Sinagoga nº 22-baixo 15001 A Coruña. Ver mapa

Nado na Coruña, Monterroso viviu boa parte da súa infancia e mocidade no Uruguai, terra dos seus antepasados maternos. Entre Tacuarembó e Montevideo formouse en piano, bacharelato e Dereito, antes de iniciar unha longa traxectoria na función pública, que o levou a Madrid, Cáceres, Xixón e finalmente de volta á Coruña, onde se estableceu en 1973.

Figura destacada na recuperación da memoria histórica e na divulgación do patrimonio galego, Monterroso adoita dicir:

“No meu retorno á Terra eu vinha procurando A Corunha… e podo dicir que descubrín a Galiza, a comezar pola nosa fala.”

É un dos principais investigadores da xenealoxía galega na emigración, especialmente na Arxentina e no Uruguai, e membro do Patronato da Cultura Galega de Montevideo. Promoveu iniciativas tan singulares como os itinerarios literarios do cemiterio de San Amaro, e desenvolveu unha intensa actividade na radio, prensa e ámbito académico, sempre tecendo pontes entre Galiza e o Uruguai, os dous fogares que comparte.

Foi presidente da A.C. O Facho, cofundador da AELG e da AGAL. A súa obra transita da poesía (asinada como José Devesa) ao ensaio, cunha etapa de narrativa curta e un interese recente pola ciencia xenealóxico-onomástica.

Entre os recoñecementos que recibiu destacan o Premio de Conto de Guimarães (1975), o Premio de Ensaio do Patronato da Cultura Galega de Montevideo (1986), o Premio de Animador Cultural da Coruña (1993) e o Vieira de Prata pola súa traxectoria (Montevideo, 2004).