Begoña Caamaño: feminismo, literatura e compromiso nas Letras Galegas 2026

A dedicación do Día das Letras Galegas 2026 a Begoña Caamaño recoñece unha autora que fixo do feminismo unha parte esencial da súa vida e da súa obra. Xornalista, activista cultural e escritora comprometida, empregou a literatura como unha ferramenta para cuestionar os relatos tradicionais e reivindicar o papel das mulleres na historia e na sociedade.

Nas súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul e Morgana en Esmelle, reinterpretou mitos clásicos desde unha mirada feminista, creando personaxes femininos libres, complexos e donos do seu destino.

Un dos aspectos máis destacados da súa obra é a reinterpretación das figuras femininas tradicionais desde unha mirada feminista. Ao falar da súa Penélope, recoñecía a influencia de Rosalía de Castro e, sobre todo, de Xohana Torres, creadora dunha Penélope “forte, aventureira, dona de seu”.

Esa visión resume ben o universo literario de Caamaño: mulleres libres, valentes e protagonistas da súa propia historia.

O feminismo de Begoña Caamaño non quedaba só na ficción. A autora reivindicaba tamén ás “heroínas do cotián”, esas mulleres anónimas que sosteñen a vida desde os espazos máis diversos e que, moitas veces, deben loitar contra a desigualdade e os abusos de poder.

Na presentación de Morgana en Esmelle, deixou unha reflexión que resume perfectamente o seu compromiso:

É o momento non de cambiar as regras, senón o xogo. É o momento de mudar o mundo; de cambios profundos e estruturais, pero tamén conceptuais, é o tempo do feminismo, é dicir, da xustiza, da igualdade, da liberdade, da dignidade e tamén, por que non? Da felicidade”.

Celebrar as Letras Galegas 2026 na súa memoria é tamén reivindicar unha literatura comprometida coa igualdade, coa liberdade e coa transformación social.