Palestra: “Begoña Caamaño. Biografía, literatura e xornalismo” Ramón Nicolás Rodríguez

O pasado 19 de maio asistimos en Portas Ártabras á palestra de Ramón Nicolás, biógrafo de Begoña Caamaño, autora á que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas.

Coa precisión dun cartógrafo e a proximidade de quen coñece ben o territorio que percorre, Ramón Nicolás foi trazando diante do público o mapa vital de Begoña Caamaño: os lugares da infancia, os espazos da formación, os territorios do compromiso e as rutas que percorreu na procura do coñecemento e da transformación social. A súa intervención, acompañada dunha escolma de fotografías, engadía cor e emoción ao relato, permitindo reconstruír non só unha biografía, senón tamén o contexto humano e social que a conformou.

Así soubemos que Begoña Caamaño naceu e pasou a súa primeira infancia no Calvario, no antigo concello de Lavadores, un barrio situado entre a tradición agrarista e o mundo obreiro, cun forte tecido asociativo e unha intensa vida cultural e política. Un territorio que xa destacara pola súa resistencia á sublevación militar de 1936.

Máis tarde trasladouse coa súa familia ao barrio de Coia. Estudou no IES Alexandre Bóveda e participou activamente nas mobilizacións estudantís daqueles anos. Alí aparecen as primeiras coordenadas dun compromiso que xa non a abandonaría: a defensa dos dereitos, a mobilización social e a reivindicación das causas xustas.

Aínda que rematou os estudos de Maxisterio, foi no xornalismo radiofónico onde atopou o seu rumbo vital e profesional.

Ramón Nicolás detívose tamén nas viaxes e experiencias xornalísticas que levaron a Begoña Caamaño a Cabo Verde, Cuba, Senegal, Arxentina, Chiapas, Honduras, Uruguai, Italia ou Holanda; itinerarios entendidos non como simples desprazamentos, senón como unha forma de coñecemento e unha maneira de ler o mundo.

Presentouno, ademais, a través das propias palabras de Begoña: «Viaxar é ler o mundo sen intermediarios; sendo a protagonista da lectura. Viaxar é ler o país, a xente, os sabores, os aromas e as cores dos lugares que visito e, ao tempo, ser consciente de como todos eles inciden en min, como o meu pensamento muda ao enfrontarme, non a través das páxinas dun libro, senón en vivo e en directo, a outras realidades».

Máis que unha biografía, o que Ramón Nicolás nos presentou foi unha cartografía humana: a dun corpo e unha voz de muller comprometida, emprendedora e aprendiz permanente, que nunca deixou de explorar, aprender e transformar o mundo que habitaba.

Ramón Nicolás Rodríguez, unha das voces máis recoñecidas da crítica e divulgación literaria galega actual. Nado en Vigo en 1966, é profesor, escritor, tradutor e ensaísta, licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago de Compostela. Desenvolve desde hai décadas un intenso labor de estudo e difusión da literatura galega, tanto na crítica especializada como nos medios de comunicación.

Colaborador habitual do suplemento cultural “Fugas” de La Voz de Galicia, participou tamén en revistas, programas culturais e proxectos editoriais de referencia. É padroeiro da Fundación Celso Emilio Ferreiro e director da colección Biblioteca das Letras Galegas de Edicións Xerais de Galicia. A súa traxectoria destaca especialmente polo estudo de figuras centrais da nosa literatura e polo seu compromiso coa cultura galega. En 2021 foi nomeado académico correspondente da Real Academia Galega e, en 2026, pasou a formar parte do Consello da Cultura Galega.