O pasado 19 de decembro, no local de Portas Ártabras, O Facho conmemorou os seus 60 anos como faro luminoso na defensa da cultura e lingua galegas.
Na celebración, contamos coa presenza de Xulio López Valcárcel, quen compartiu as súas vivencias durante o seu mandato como presidente entre 1984 e 1987. Manuel Lourenzo, director do grupo de teatro nos primeiros anos, e o cantautor Miro Casabella tamén participaron no evento.
Henrique Sánchez, profesor de lingua galega e membro da actual directiva, encargouse da presentación, na que recordou aos presidentes que lideraron O Facho ao longo dos anos. Destacou a dedicación da agrupación á defensa da nosa lingua e cultura, subliñando a importancia das clases de galego nos primeiros tempos.
Sánchez tamén enumerou os escritores destacados da nosa literatura, como Carlos Casares, Manolo Rivas e Pilar Pallarés, galardoados en concursos de contos, teatro e poesía organizados por O Facho.
O acto concluíu coa actuación musical de Miro e unha invitación a degustar uns petiscos.