Desde a Agrupación Cultural O Facho comunicámosvos a celebración do seguinte acto, dentro das Palestras públicas do cuarto trimestre de 2025.
O vindeiro día 21 de outubro a profesora e investigadora Mª Rosario Martínez Martínez impartirá unha palestra co título: “Sofía Casanova e o seu tempo” .
Data: 21 de outubro, martes
Hora: ás 8 do serán
Lugar: Espazo Cultural Portas Ártabras- sito na Rúa Sinagoga nº 22-baixo 15001 A Coruña. Ver mapa
A nosa convidada, Mª Rosario Martínez (Charo), é licenciada e doutora en Filosofía e Letras pola Universidade de Santiago de Compostela. Durante máis de 35 anos foi profesora de Lingua e Literatura Española no ensino secundario, combinando a docencia cunha intensa traxectoria investigadora arredor dunha figura fascinante: Sofía Casanova.
O seu interese comezou en 1984, cando o claustro do Instituto “Camilo Alonso Vega” de Ferrol —onde Charo impartía clase— decidiu poñerlle o nome da escritora galega ao centro. A partir de aí, iniciou un traballo de fondo que culminou na súa tese doutoral Sofía Casanova. Mito y literatura (publicada en 1999), e que continúa hoxe con numerosas publicacións sobre a autora, o seu tempo e a súa intensa vida entre Galicia e Polonia.
Na palestra, Charo Martínez convidaranos a descubrir a azarosa e apaixonante traxectoria de Sofía Casanova (Culleredo, A Coruña, 1861): novelista, dramaturga, poeta e tradutora políglota, proposta no seu día para o Premio Nobel de Literatura. Foi tamén a primeira reporteira de guerra española, testemuña directa de catro guerras e narradora da Revolución Rusa de 1917.
Unha ocasión única para achegarse á vida dunha muller pioneira e á mirada dunha investigadora que leva máis de tres décadas devolvéndonos a súa voz.