O pasamento de Xosé Manuel Beiras Torrado, o pasado 8 de outubro, conmoveu profundamente os distintos ámbitos da sociedade galega.
A Agrupación Cultural O Facho, como parte integrante desa sociedade, non podía quedar á marxe desta conmoción. A xenerosidade coa que Xosé Manuel Beiras participou e colaborou con O Facho fai que este sentimento se transforme nunha inmensa tristeza.
Desde os primeiros tempos, participou nas distintas actividades da Agrupación, como testemuñan as súas conferencias sobre O Cooperativismo como sistema de produción, A emigración galega, Nacionalismo e economía galega, Repercusións económicas e políticas do ingreso da C.E.E. para Galicia, así como a súa participación no Ciclo-Homenaxe ao Galeguismo Histórico, entre outras moitas achegas.
Ao longo de toda a súa traxectoria, a súa xenerosidade e o seu compromiso coa cultura galega estiveron sempre presentes. A súa colaboración co Facho foi unha mostra máis da súa vontade de contribuír á reflexión colectiva sobre Galicia, a súa realidade económica e social, a súa identidade e o seu futuro.
A súa figura deixa unha fonda pegada na vida intelectual e cultural galega. Desde O Facho queremos expresar o noso recoñecemento, gratitude e afecto por todo o que compartiu connosco.
Que a súa memoria permaneza viva na cultura e na conciencia colectiva de Galicia.
Fotografía: Óscar Corral / La Vanguardia.