Celebrando o ano de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao

O ano 2025 está dedicado en Galicia a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, unha das figuras máis destacadas da nosa historia contemporánea, como conmemoración dos 75 anos do seu pasamento. Ademais, o 30 de xaneiro, data do seu nacemento, está dedicado ao Día da Ilustración, unha xornada que honra a súa memoria e recoñece a importancia da ilustración e do pensamento crítico na nosa cultura.

Castelao é unha personalidade que non deixa indiferente a ninguén, tanto na súa época como nos anos posteriores. A súa importancia artística, literaria, política e intelectual, xunto coa súa entrega incondicional a Galicia, fan del unha figura esencial do último século.

A súa vida desenvólvese en diferentes países e vese marcada polas circunstancias alleas á súa vontade que o obrigaron a afastarse da súa terra natal. Nace en Rianxo o 30 de xaneiro 1886, emigra coa súa nai, Joaquina, aos 11 anos, á localidade de Bernasconi na Pampa Arxentina, para reunirse co seu pai. Retorna a Galicia en 1900, onde inicia unha etapa, primeiro de estudos e logo de intensa actividade artística, literaria e política ata 1936, cun período de desterro en Badaxoz. En xullo de 1936 atopábase en Madrid para entregar o Estatuto de Autonomía de Galicia ao Presidente das Cortes Españolas cando, o 18 de xullo, estala a Guerra Civil e xa non regresa a Galicia. O seu falecemento ten lugar en Bos Aires 7 de xaneiro de 1950

Este ano, dedicado á súa memoria, é unha oportunidade para lembrar e poñer en valor o seu legado despois de longos períodos de esquecemento. Desde AC O Facho queremos sumarnos a esta homenaxe, publicando ao longo do ano unha serie de artigos que nos axuden a coñecer mellor a súa obra e o seu impacto. Queremos que este espazo sirva para descubrir, valorar e difundir a figura de Castelao, mantendo vivo o seu legado e a súa conexión coa Galicia do presente.

Deixa o teu comentario.

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *