O pasado 16 de decembro celebrouse en Portas Ártabras a última palestra do Facho do ano 2025, a cargo de Alexandre Peres Vigo, baixo o título Galaicofobia: ou desprezo contra o pobo galego até os nosos días.
Na súa intervención, Alexandre explicou que a galaicofobia é un fenómeno fondamente político, que aparece cando o Reino de Galicia deixa de ser un centro de poder para converterse nunha periferia. Ese cambio supuxo primeiro a desvalorización das elites galegas e, máis tarde, o desprezo xeral cara ao pobo galego.
Para analizar como foi mudando a visión sobre Galiza ao longo do tempo, o relator apoiouse en textos literarios, crónicas e refráns de distintas épocas. Así, lembrou como na Antigüidade e na Alta Idade Media os galegos eran vistos como fieis e enxeñosos, para pasar despois a ser retratados como rebeldes, feroces, criminais ou simples lacaios, segundo os intereses políticos de cada momento histórico.
A palestra chegou tamén á actualidade, cunha revisión de exemplos recentes nos medios de comunicación, onde figuras públicas e mesmo RTVE tiveron que pedir desculpas por comentarios pexorativos sobre os galegos ou o seu acento.
Alexandre Peres Vigo (Trasancos, 1982) é filólogo, historiador e investigador, especializado no estudo das representacións negativas sobre Galiza e a identidade galega. Doutor en Filoloxía Galega e Portuguesa pola Universidade da Coruña, compaxina a docencia coa investigación en sociolingüística histórica e literatura peninsular. É autor de varios ensaios sobre o estereotipo antigalego, entre eles Galaicofobia (2024), obra que percorre a evolución do desprezo contra o pobo galego desde a Idade Media até hoxe.


