O vivido en 2025 e o que xa estamos a construír para 2026
O 2025 foi para nós un ano de encontros, reflexión e creación. Ao longo destes meses compartimos palestras sobre cultura, muller e temas de interese común, incluíndo cuestións que nos preocupan especialmente, como o proxecto de ALTRI e o seu impacto no noso territorio, abrindo espazos de diálogo e pensamento crítico. Continuamos tamén coa convocatoria dos concursos de contos, teatro e poesía, reafirmando o noso compromiso coa creación cultural.
Celebramos que o Parlamento galego dedicase o ano a Alfonso Rodríguez Castelao e que a Real Academia Galega consagrase o 17 de maio ás cantareiras, recoñecendo a importancia da poesía popular oral e da memoria colectiva. Foi tamén un ano de homenaxes, con lembranzas a J. M. Monterroso e con Isaac Díaz Pardo como protagonista do Día das Artes Galegas. A despedida de Manuel Lourenzo marcou un momento triste, ao que respondemos coa súa homenaxe póstuma, desde o respecto e a gratitude.
De cara a 2026, celebramos que a Real Academia Galega dedique o ano a Begoña Caamaño e que o Parlamento de Galicia o faga á figura de Don Ramón Otero Pedrayo, no cincuenta aniversario da súa morte. Despedimos 2025 agradecendo todo o compartido e recibimos 2026 coa vontade de seguir creando, lembrando e construíndo futuro desde a cultura.