O pasado 14 de novembro O Facho participou no acto de Vía Galega no Parrote, unha iniciativa para achegar os nosos símbolos nacionais —o himno e a bandeira— e reforzar a conciencia e a autoestima colectivas.
A data escolleuse para lembrar a I Asemblea Nacionalista Galega, celebrada polas Irmandades da Fala en Lugo en 1918. Naquel encontro participaron figuras esenciais do galeguismo, como Castelao, os irmáns Villar Ponte, Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Lois Peña Novo ou Gonzalo López Abente. En total, reuníronse 60 asistentes e 17 adhesións máis. Como sinala o historiador Xusto Beramendi, daquela saíu o manifesto que sería a base do nacionalismo galego ata 1931, poñendo fin á etapa rexionalista e asentando os termos nación galega, nacionalismo e nacionalistas.
O acto incluíu:
- Lectura dun poema de Manuel María
- Intervención política de Vía Galega
- Lectura do poema Á bandeira, de Ricardo Seixo, escrito para a ocasión
- Despregamento da bandeira desde o Xardín de San Carlos
- Interpretación do himno galego





